Opinión

Defende a Galega

Recoñézoo volvín ver a TVG. Hai moito tempo que á televisión publica galega de todas non lle intereso como público. Hai dous días co mando rebobinei para situarme no 8 de abril e ver o programa de Land Rober Tunai Show. O programa que buscara, espectadores e espectadoras, a causa do amor de Raúl e do sufrimento de Lucía. Desde o inicio vivín ese desprezo absoluto pola lingua do país, eses lances con actuacións nefastas, pouco profesionais, coa falta de seriedade de quen non aprende nin o papel, sen respecto ao público; cun humor choqueiro, rancio, en que un médico se ri dun aldeán, en que un matrimonio quere facer rir polo xeito de se levaren, incluso ela  é e vai de “loba”. Imposíbel non pensar que lle pasou a este país que nos anos vinte do século pasado podía ler, rir e comentar as “Cousas da vida” de Castelao na prensa, gozar e comprender humor intelixente? Como pode darse esta involución social? Que pasou na TVG desde o 11 de outubro de 1986 en que se emite por vez primeira O mellor, aquel programa dirixido polo escritor Manuel Rivas, tamén presentador, que convidaba a entrar no espazo de gravación, un ring de boxeo, a homes, mulleres e rapazada, mentres ía dicindo:  “esta é a casa de todos, queremos avivar o mellor sentido de todos, o humor? Que pasou con esta casa de todos e todas? Procuren O mellor, véxano; fáganme caso, por favor, xa que houbo un tempo en que existiu  unha querenza polo propio e a intención de alimentar a autoestima, contribuír ao afecto colectivo en  que se levantaba a moral con combates dialécticos, con humor, contados nun primeiro programa por Gayoso ou por Eva Veiga, presentadora e aínda non poeta. Vinte anos despois Carlos Blanco, dirixido por Antón Reixa, con humor lembrábanos que eramos unha potencia. Que pasou nesta casa de todos e todas para que os traballadores e traballadoras tivesen que vestir de negro os venres negros e denunciaren a manipulación informativa de quen goberna? Que pasou nesta casa nosa para rematarmos asistindo a mofa constante do pobo galego que tamén sofren moitas das persoas que alí traballan?

Mais Lucía, unha moza de vinte anos que estaba no público, falou. Falou ben. Ela utilizada como gancho, o amor promete e fai milagres. Cos tempos ben estudados, co Roberto marcando o ritmo e dando a información entre lance e lance, da historia principal, co Raúl que fóra na porta conta como a súa relación con Lucía rematou por celos, “por unha tontería”. El quería entrar para pedirlle que volvesen, o amor sempre trunfa e a parella tatuárao na pel. Foise preparando a espectación. Sabiamos o que pasaba fóra e estaba por ver o que ía pasar dentro. Lucía sospeitou que se trataba del, xa intentara volver. Mandáralle por Roberto o corazón do seu chaveiro. A moza falou e contou como lle controlaba o móbil, como perdeu as amizades e un traballo estupendo. “Tardei un ano e medio en darme conta e xa que me din conta é tontería volver atrás”. O programa non era en directo, puido evitarse este “atraco” e Lucía, a vítima polos celos do amor, deu unha lección e a TVG consentiu a banalización da violencia de xénero e provocou dor e indignación.

Como se pode defender esta casa da todas, a galega?

Comentarios