Opinión

De vella Ghaiteira

Antes só había vellas gaiteiras, hoxe temos gaiteiras recoñecidas. No dicionario da RAG  gaiteira/gaiteiro fai referencia a quen toca a gaita e tamén á persoa alegre e algo atolada. No Dicionário de Estraviz, ademais de tocar o instrumento e achegar a acepción de que un gaiteiro é unha persoa pouco seria e pouco formal, hai unha entrada para gaiteira con dúas acepcións; a primeira, dise da muller vella que é alegre e obra con pouco xuízo, e a segunda, a muller que toca o instrumento.

Levo toda a vida crecendo con esa expresión que me leva incomodando moito, as mulleres non poden rachar co que delas se agarda, menos cando vellas. Moléstame a sociedade que non coida da infancia nin das persoas maiores. A nosa  é así. Os centros de ensino son lugares onde deixar aparcada a infancia e a adolescencia. O exemplo da menor violada durante anos en Baleira obriga a pensar en como non tivo ninguén, nin desde a veciñanza, nin desde o sistema educativo, nin desde os servizos sociais. As persoas maiores fican fóra dun mundo cada vez máis tecnolóxico que lles complica a vida, neste sistema neoliberal que substitúe o contacto persoal polo enfrontamento co ordenador ou co teléfono móbil para todo. O anafalbetismo do século pasado, relaciónase co "analfabetismo" dixital de hoxe. As persoas máis rendíbeis para o sistema son as que falecen antes de cobraren a primeira pensión. A pandemia deixounos claro o desprezo co que se trata ás nosas e nosos maiores, o improdutivo non merece atención, mesmo sobra e sobre todo non é de bo ver. O que máis me doe é como esta idea convive entre todas nós, persoas de carne e óso, como mesmo vai entrando na mocidade. Da discriminación pola idade pouco ou nada se fala, discriminación silenciosa e diaria,  con palabra dentro dos dicionario: idadismo.

Lembro cando polo tempo do Prestige cantabamos aquilo de "Manoliño, hai que ir morrendo", o que podía facer graza, non a tiña, a Fraga e ao seu séquito había que botalos polo mal que o facían, non pola idade; como hoxe habería que botar a Ayuso ou a Feijoo só polo que soltan pola boca. Á alcaldesa Manuela Carmena chamábanlle en Madrid quen non a querían, "la Vieja". Vivimos nunha sociedade que non valora a experiencia de vida, o saber acumulado, nin as engurras na pel, sobre todo nas mulleres, por moi de moda que se poña levar o pelo con canas. Procuren a idade das persoas nos parlamentos, nos órganos de goberno, vexan as dos homes e as das mulleres e, por favor, estes días que andan a elaborar listas electorais non utilicen o argumento da idade, valoren a experiencia, a sabedoría e o desexo de servir á comunidade.

As persoas maiores teñen dereito á vida e moito que nos dar, lembro aquel verso co que Queizán lle retruca a Castelao: deixenme namorar cando vella. Tamén me vén á mente o filme de Andreas Dresen que nos demostraba que as persoas de máis de sesenta anos podían chegar ao sétimo ceo fodendo. É que aínda vivimos nun país en que o sexo caduca coa idade, por iso valoro o libro de Ursula Heinze, Delirios de pracer.

Eu, xa llo digo, reivindico as declaracións de Madonna contra a discriminación que sufriu pola idade,  as cores fermosas no rosto de Maruxa Mallo e eu de vella ghaiteira.

Comentarios