Opinión

Da Alemaña: viaxar por nove euros

Encantaríame percorrer toda Alemaña con ese boleto de nove euros, unha lotaría que  permitía andarmos en todos os autobuses ou trens, sen seren os de alta velocidade, para coñecermos o país. Esta era a razón da insistencia nas miñas chamadas á miña amiga Isabel Shafer Diaz Kraus; cada uns dos seus apelidos conta diferentes etapas da súa vida. Eu quería que viñese desde Ingelheim am Rhein até Tréveris, pasarmos uns días xuntas, desde alí irmos en tren con ese boleto pola Eifel, mesmo chegarmos a Colonia, e en bus polo Hünsruck, camiñarmos polas aldeas, darmos co cemiterio onde ficaron como homenaxe as tumbas dos protagonistas dese impresionante filme de Edgar Reitz, Die andere Heimat -Chronik einer Sehnsucht ('A outra patria -Crónica dunha saudade') (2013), que gozaramos xuntas nun tempo en que precisabamos calma.

Volveriamos falar da emigración, dos amigos que coñeciamos en Santa Catarina, brasileiros e coas súas parellas alemás, que herdaran da familia ese alemán que xa se coñece como hunsrik ou hunsriqueano riograndense, ese lingua derivada da fala do Hünsruck que levou á emigración desta zona ao Brasil, que desde o 2012 é recoñecida como parte do patrimonio cultural do Rio Grande do Sul e en Santa Catarina, patrimonio cultural inmaterial desde o 2016, tamén falado nalgúns lugares do Espiritu Santo e en zonas do Nordeste de Arxentina e do Sudeste do Paraguai. A historia cotiá da emigración na película centrábase nos primeiros anos corenta do século XVIII, lembro como ela recoñecera a Werner Herzog, nun breve papel de Alexander von Humboldt. Lembro que un día comeramos a carne en rolo típica do Hünsruck, que é unha receita que chegou do Brasil. Non conseguía localizar a Isabel, falara con ela no mes de xuño, andara pola Península Ibérica e chamárame desde o Porto, mais non cadrara o encontro. É case imposíbel non localizar hoxe en día a alguén sempre coa compaña do teléfono e aínda, se irmos nun tren, atendemos se nos chaman, mais Isabel, non. Iso pensei, Isabel andaría de viaxe cos nove euros.

Andei para arriba e para abaixo da cidade en bus co meu boleto. Sei quen quixo ir até Mainz con dous nenos e o tren estaba ateigado. Non se lle ocorreu mellor cousa que dicir que ao barato acudía  todo o mundo, como se o resto do mundo non tivese os mesmos dereitos.  En xuño, xullo e agosto, calquera persoa, alemá ou estranxeira, podería ter mercado ese boleto de nove euros para un mes, esta iniciativa apoiaba o uso do transporte público, o turismo polo país, algo máis que un interrail para moverse dun land a outro, para visitar cidades por vez primeira e esquecer, por este ano, a saída ao estranxeiro, que a guerra aquí está moi próxima e a inflación é unha palabra que mete medo.

Non vin a Isabel. Triste souben que faleceu dúas semanas despois do seu regreso da Península, que esta, si, ía ser a súa derradeira viaxe, da que non soubera nada, tampouco moitas das amizades que tiñamos comúns, que o enterro foi unha cerimonia preciosa, o mesmo día en que eu saín de viaxe. Que de nada serviu o móbil e que a súa filla lamentaba non terme avisado e eu non tela abrazado. Isabel tiña gozado dúas semanas do billete de nove euros. Eu empreguei o meu, por última vez, para ir até o cemiterio de Bingen, ese lugar entre as viñas, e levarlle unhas flores. 

Comentarios