Opinión

O outro cuarto propio

Éunha sorte termos un cuarto propio, parte da nosa afirmación, da nosa identidade. É un privilexio termos un cuarto propio tal é como o concibimos hoxe: un lugar con porta, que nos ille coa nosa soidade, onde crecermos e pactarmos coas nosas fantasmas, onde escribirmos no/co corpo a propia vida. É de entender que o cuarto propio sexa unha aspiración de todas as persoas, fundamental na adolescencia, para nos buscarmos. É comprensíbel que o cuarto propio se convertese na aspiración da escritora, de Virginia Woolf. 

Fronte ao cuarto, o “espazo” propio da casa á que se condena(ba) á muller, concentración de traballos forzados, a idealizada cociña, o cuarto de durmir, o chan para limpar, de onde se hai que erguer. O esforzo invisíbel. Fóra da casa o mundo libre se hai unha chave para poder entrar e saír cando se queira. Fronte a este espazo, cómpre falarmos do “tempo propio”, o que é para nos desenvolvermos, o que nos pertence para afirmarmos, tamén, a nosa identidade. Termos tempo para nós é unha aspiración, tempo liberado de obrigas e tempo para manobrarmos entre as obrigas.

Pensei moito nos cuartos/espazos propios que a vida nos permite amoblar, a pintora Georgia O’Keefe, pintou tantas veces, desde Ghost Ranch, o outeiro Pedernal, que o sentía como a súa montaña privada. A mesma pintora mudou o seu espazo pictórico cando comezou a voar, sen as xanelas do avión non habería ese ceo, esas nubes. Mudouno aínda máis cando aprendeu a conducir e fixo do coche, co que percorría moi libre a paisaxe de Novo México, o seu cuarto propio. No coche, o tempo andáballe doutro xeito.

Eu tamén me sinto libre no coche, penso e pérdome por paisaxes e escríboas no/co corpo, desde  o cuarto privado, nómade. O tempo vaime doutra maneira, dá para chorar a lágrima viva, para celebrar alegrías e ter proxectos que non remato, por non ter tempo. Fóra do coche, o tempo anda mal, escravízase(me).

Entendín, e agradecín, que Ana Pontón pensase no tempo, no seu e no de fóra dela, nos tempos da organización que representa. Non é cuestión menor pensar no tempo da propia vida, no que facer con el; non o é, pensar no tempo propio comprometido e leado no das demais persoas que nos andan ao redor. É importante pensar no lugar en que ocupamos, fóra e dentro do cuarto propio, non facelo é deixarse levar pola inercia, é un desleixo. Ana Pontón, honesta, actuou con responsabilidade. Non todo é tirar para diante.

Entendo que non se esqueza que nun equipo deportivo as rapazas herdan o chándal dos tíos. A primeira vez que as mozas xogamos no equipo de fútbol do Mosende levamos posta a equipaxe dos mozos. Aínda tivemos que agardar uns cantos partidos, para nos facer valer e pagara a pena mercarnos unha equipaxe. Diso se trata de nos facer valer, desde o cuarto propio, na vida e no tempo.

Gústame que Ana Pontón converta tamén o seu coche nun cuarto propio con tempo para pensar, cuarto nómade, con raíces nesta terra, tamén aéreas, para analizar desde todas as xanelas, tamén desde o alto, ese espazo de nós. Sempre a pé de rúa, preto da xente, con roupa de domingo e de traballo propia, con razón e ilusión, espindo o chándal-engano da Galicia Calidade; profundamente, ela, en Galiza.

Comentarios