Opinión

Crearmos futuro

" Crearmos futuro" é convocar un pobo. Hai persoas que actúan pensando no futuro e outras que non. As pimeiras, obran e senten tendo como meta un tempo que nunca vivirán, un futuro para unha humanidade que non van coñecer. Ás segundas, só lles importa o tempo do seu almanaque vital. Só pensan na riqueza persoal e na do seu grupo: no aumento das súas contas bancarias, no seu patrimonio e no que consideran poder. É no seu propio grupo onde exercen e desexan poder, onde crean as súas propias xerarquias, onde pelexan por ir ascendendo, controlar, manipular vidas e riquezas; fan o que sexa por estar un chanzo máis arriba que as outras, por controlaren, así se explican tantos cargos, tantas (vice)direccións, tantas (sub)secretarías e ese desexo que teñen desde poder controlar á persoa que preside a comunidade dun edificio, dunha asociación cultural, dunha reitoría nunha universidade, do comité de empresa ou dunha confraría de mariscadoras; dexesan controlalo todo, queren que cada cargo lles toque na familia, que sexa do seu grupo, sobre todo se "move cartos". Para estas persoas o futuro ten os anos que debe de vivir un eucalipto, para convertelo en papel e plantar outro no seu lugar, non vai máis alá, que o das súas vidas e como moito a das fillas e fillos que lles nacen. Seguen a máxima: "eu miro polo meu e quen veña que arranxe". Hai no grupo unha base moi grande que non ten nada, mais quere ter e pensa que pode cando quen está só un chanzo máis arriba a introduce no grupo. Hoxe, estiven cunha destas persoas, contoume que o próximo domingo volverá coma sempre recoller ás persoas de sempre na casa, daralles a papeleta de sempre para que voten; todo o día "carrexando".

Se non a levas votar non che vai, non lle podes deixar o voto o sábado, pódeno cambiar, agora xa hai outras papeletas que chegan á casa. Eu fago isto porque me dan choio. El estaba diante do Centro de Saúde de Tui, onde ten que ir, día si e día tamén, a policia, xa que moitas persoas protestan a quen non deben. O "carrexador" viña de montarlle unha boa "á tipiña da entrada", non lle dan dado cita para a nai, á que vai levar arrastrando a votar, non quere ir e que a vexan enferma. A el e a todas as persoas que molestan, insultan a quen cumpre co deber da súa profesión, cómpre dicirlles que non son elas, eles, a quen a vida xa non lles dá a máis, quen ten que dar explicacións. Enfermeiras, médicas, son as primeiras en sufrir a falta de persoal, non se están cubrindo as baixas, e ter que atender pacientes sen tempo, a distancia e por teléfono, coa frustración de non poder curar, salvar. A esta xente que pensa que non ten futuro, na base do grupo de quen destrúe o futuro, pídolles que mude de bando, que forme parte das persoas que acreditan no futuro e desexan o mellor para quen está agora e estará mañá.

É o goberno do PP o responsábel dos recortes sanitarios, dos recortes no ensino. É o goberno do PP quen convocou, contra todo, unhas eleccións, quen non garante o voto na Mariña, quen mente, quen destrúe o futuro, quen temos que botar. O próximo domingo só podemos votar creándomos futuro, por pimeira vez, con nome de muller: Ana. Nas nosas mans, Galiza, ese futuro. 

Comentarios