martes 07/12/21

Cos Bombeiros Voluntarios de Valença

Camiñamos por onde nunca foi Fronteira, imos na Cabalgata de Reis desde Valença e levamos no corpo a infancia que nos vive e nos alenta, que vibra no Mapa das Emocións. Nesa tardiña cara a primeira noite linda do almanaque, lembramos os pais, os Ranchos de Mos e do Porriño e o Cantar dos Cantares de Reis de Mosende e choramos. Non hai noite coma esta, tampouco hai cabalgata coma esta, sentímolo de maneira especial cando atravesamos a ponte por onde van os coches, na conquista dun territorio único.

Á cabeza véñennos as liñas pintadas no borde, que mudaban a cor, para sinalar a transición dun país a outro, para marcar perfectamente as dúas metades obrigadas. Tiramos fotos cos nosos fillos, de infancia longa e sen traballos, e evocamos aquelas raparigas, dun tempo ben ruín, cangadas de medo e quilos de café, ocultos nos forros dos seus abrigos longos; trapicheiras, pintas miúdas que abanaban pola ponte, fillas de trapicheiras á forza para aseguraren en moitos casos o único pan da mesa. Nun momento fun a nena co avó pola man, a aprender o significado e silabar a palabra Re-pú-bli-ca, a ceibar o globo que voaba, fuxía ceo arriba, sen saber para que lado ir; a nena á que lle quedou prendido no padal o celme da pera lisboeta. Xa estamos do outro lado, encóllenos a néboa do río, á mesma que lle ten tantas veces a voz tomada á cidade, e seguimos a falar da aduana, da nena que pasa achantada debaixo dun farrapo, do xabón de pintas e da ida e da volta do bacallau.

Van coches da Policia Local de Tui, da GNR e, de cando en vez, soa a bucina dos camións dos Bombeiros Voluntarios de Valença, que inician e fechan esta manifestación de emocións. Son os Bombeiros Voluntarios de Valença quen desde hai cen anos nos din que atravesamos unha ponte que para eles nunca foi Fronteira. Eles que viñan cos seus camións para salvarnos, os super-heroes de carne e óso, da nosa infancia, dinamitaron a legalidade da barreira, libres en territorio liberado, para apagaren o fogo e seren moradores fundamentais deste noso Mapa das Emocións. Sabémolo todas, sábeo o meu amigo Elias, que non esquece cando con sete ou oito anos ardeu a casa pegada á súa, e viñeron antes que ninguén os Bombeiros de Valença; ou cando, xa mozo, vai, Corredoura arriba, Corredoura abaixo, na madrugada dunha noite de verán de conversa sen taxa, e aparece un humilde ciclomotor cun mozo que lles pregunta como chegar ao incendio que hai uns quilómetros máis alá; é Bombeiro Voluntario, avisárono, o camión vai diante e ten que chegar para apagar o fogo.

Ese ter que chegar e chegar antes ca ninguén forma parte da nosa educación sentimental, da nosa vida, ese deber que tronza a fronteira, salvou moito de nós, nos incendios da Casa do Concello ou no da industria farmacéutica Celtia, ao lado do colexio, no Porriño, ou na fábrica de penumáticos Cam-Fran. Sempre vivín coa seguridade de que se o mundo prendía en lume, sempre virían para me rescatar os Bombeiros Voluntarios de Valença, os verdadeiros Magos, sempre chegaban aínda que fose nun humilde ciclomotor. Para eles desde a ponte, continuo lingüístico, que nunca foi Fronteira: Obrigada.

Cos Bombeiros Voluntarios de Valença
comentarios