Opinión

Como se di das árbores que nos dan de comer? (2)

Tempo das cereixas para lembrarmos á Monserrat Roig; cereixas, desexo de estorniños, pardais, petos e de moitas outras aves, mentres evocamos o entrañábel espantallo amigo de Neira Vilas, cando nos falte entre as pólas das cerdeiras ao ser substituídos pola técnica moderna, de barullo atronador, esa trampa que tronza a tranquilidade do lugar cos seus estoupidos de cando en cando e que vai provocar que parte da veciñanza se poña a mal con outra. As cereixas virán pequenas, negras, que co paso dos días se van encher de bechos; máis grandes, que lle chaman de collón de galo, dunha cor máis clara, máis ou menos doces; gustaranos máis apañalas da cerdeira e levalas directamente á boca; non falta un ano en que, por unha ou por outra razón, as penduremos de brincos nas orellas para que renaza esa criatura alegre que regresa á infancia; a mesma criatura espelida que gabea cerdeira arriba, como a miña avoa Benedicta, que chega ao alto e semella tocar un ceo novo coas mans en que as cereixas son as estrelas. Máis doado é apañar as guindas que penduran da guindeira. En tarros con augardente métense cereixas, coas de collón de galo, tamén se fai licor de guindas.

Vemos xa tamén as nespereiras coas nésperas amarelando para rematar da cor laranxa, que meteremos na boca para sentirlle a auga e coa lingua darlle voltas ás carabuñas tan lisas.

Virá xuño e con el a lembranza das dúas pereiras de San Xohán do pomar do avó Feliciano que semellaba que tiñan cumios inalcanzábeis, peras redondas e xeitosas, de sabor inolvidábel; volverei ser a nena da man miúda que atravesa a ponte de Valença co outro avó, tamén Feliciano, para regresar coas peras lisboetas; ou a que goza en familia o primeiro de novembro con aqueles peros pardos cocidos en viño tinto. Pereiras, árbores de flor linda, que enchen a atmosfera de marabilla do relato de Otero Pedrayo, "Dona Xohana e don Guindo". Peras que nos acompañan tamén no inverno e que poderemos comer asadas como as mazás.

Florecen tamén as maceiras, co seu néctar alá no fondo, alimento prezado das abellas que levan de flor en flor, nun labor de fecundación que nos é moi necesario. Mazás de San Xohán, de cano torto, as amarelas de toca carabuña, as pardas, de tabardilla, as de tres en cunca, as raiadas de Redondela. As mazás que metemos nos armarios, como os marmelos do marmeleiro, para dar arrecendo a roupa; as que gardamos para o inverno, tiradas no chan enriba de sabas. A mazá maltratada ao ser ese froito prohibido do paraíso que Eva lle deu a Adán e que seica que todo é un erro por unha mala tradución da biblia ao latín, que a mazá, que non había no Oriente, podería ser figo, uva, trigo ou quen sabe. Mazá foi a que abriu pola metade o besteiro mítico da independencia de Suíza, Guillerme Tell; mazá é a que lle dá a madrasta á Branca de Neve, filla dun pai sempre ausente. Douradas son as mazás da horta de Hera; tres, as que obtén Hipómenes de Afrodita para enganar á rápida Atalanta; por unha dourada comezaría a guerra de Troia; mazás de ouro están no preludio da ópera dos Nibelungos de Wagner. Coa caída dunha mazá elaborou Newton a lei da gravitación universal.

Comentarios