Opinión

Os coidados no centro

"Miña nai, miña naiciña, como miña nai ningunha, que me quentaba a cariña coa caloriña da súa”, esta cantiga forma parte da nosa cultura; oxalá que esa caloriña que desprende o canto e que nos abriga, estea na memoria de todas nós, que exista esa figura de amor e de afecto, que teñamos esa lembranza desde a infancia, a dalguén referencial, que nos aprende a soltarnos da súa man para nos facer independentes. A enfermidade, o dó, o disgusto, sempre ficaban no interior das casas, de portas para fóra nada, todo había que limpalo dentro. Iso si que era varrer na casa (non para a casa). O mundo do interior era das mulleres. A miña infancia transcendía entre a casa da miña avoa e a nosa casa, unida por unha estrada, un continuum, dous favos dun só cortizo. A miña avoa Benedicta, coidaba o xardín, as fermosas azaleas, coidaba de nós e de todos os demais animais: a gata e as súas crias, as galiñas, os perús, os gansos, a vaca e as ovellas. Tamén coidaba, seguindo  os  mandados do avó e do tío, dos cans de caza. A avoa Benedicta e a tía Julita coidaban das viñas, dos espalleres, dos campos de patacas, de millo e levaban conta da rega. A tía Julita era a tía que quedara na casa, coidábanos a nós, con ela durmimos cando naceu o meu irmán pequeno, sempre unha festa, ela ensinounos “O padre nuestro pequeniño”, era o único que nos aprenderon a rezar. Mamá mais ela turnábanse para quedar co tío enfermo no hospital, para ficar coa avoa. Cando naceron os curmás xemelgos en Madrid, a tía Julita marchou en tren para coidar á irmá e todo o que fixese falta. A tía representaba á familia nos velorios, aí quen vestía as mortas, era a Señora Rosa. Vestir os defuntos tamén era coidar. Nas nosas mans ficaban todos os milagres da corte: a vaca ou a ovella parindo e muxir o leite. Foi a Tía Julita quen me aprendeu a tirar o leite. O mundo da miña infancia era así, cando os homes traballaban fóra, é dicir non no campo. As mulleres coidaban todo, tamén ás persoas maiores que, cando se encamaban, de moita forza se recisaba para atendelas, entón ninguén dubidaba que a tiñan. As mulleres coidaban nos hospitais, ás sogras tamén. Se no cuarto había dúas mulleres, por pudor, os homes non ficaban de noite. Se os ingresados eran homes, non había pudor. Supoñíase que as mulleres nacían coidadoras, enfermeiras para a guerra e para vestir defuntos e tamén santos. Elas choraban, eles non.

Á miña nai no hospital coidámola os meus irmáns mais eu, meu pai, aprendeu a lavar o peixe e facíanos o xantar. Coidamos do meu pai. As familias van mudando, pouca xente hai nas casas, o mundo sobrevive con traballos que escravizan, as avoas asumen xornadas laborais que non se lle recoñecen. Se a sociedade mudou e avanzou, foi pola independencia da muller e a conciencia feminista, que entrou na educación, nas familias e, sobre todo, na política. É a ollada feminista a que visibilizou que o traballo da coidadora, tamén da avoa, é un traballo. É o feminismo quen visibilizou á muller no centro dos coidados. É o feminismo quen traballa para situar os coidados no centro da vida e da política. Todas precisamos que nos coiden, tamén coidar. Que unha man amiga, sexa a calor no adeus.

Comentarios