Opinión

Clara Schumann e Rosalía de Castro. Unha árbore tileira e un carballo

Lembro os rostros de Clara Schumann nos billetes de 100 marcos en Alemaña e no de Rosalía de Castro nos billetes de 500 pesetas. Elas, ás que lles custou tanto gañar a vida e sacrificar moito tempo para lle dedicaren á súa propia obra, non sei que pensarían dese trapicheo.

Cando Rosalía de Castro nace en Conxo en 1837, Clara nacera en Leipzig e ía cumprir 16 anos; convertérase nunha virtuosa intérprete de piano, que percorrera parte de Europa acompañada do seu intransixente profesor e pai, Friedrich Wieck, e xa publicara as súas "Catro polonesas para piano". Contra a vontade do pai, un xuíz autorizou o seu matrimonio con Robert Schumann en 1840; estiveron xuntos até o 29 de xullo de 1856, data da morte do compositor nun sanatorio psiquiátrico en Bonn, internado por vontade propia en 1854. A Clara Schumann non lle permitían visitar o seu home, pasou dous anos tirando das oito criaturas que quedaban na casa cunha cociñeira e cunha coidadora e baixo cargo da ollada sempre atenta de J. Branhs, o amigo que visitaba o compositor enfermo; mentres tanto ela a, pianista, a compositora sen tempo para selo, daba concertos.

A mocidade de Rosalía de Castro transcorre en Compostela fundamental para a súa concepción literaria: aprende música, sabe de teatro, fala de literatura e de política; con desexos de ser escritora vai a Madrid, casa con Murguía en 1858, pariría sete veces, andaría dun lugar a outro buscando rumbo de vida e atendendo casa e familia, escribiría obras coas que seguimos crecendo como persoas e como pobo. Mais o que me fai pensar nela e en Clara Schumann, podería ser a música popular que está de lado da poesía de Rosalía de Castro, mais sobre todo son os libros de flores que escribiu, a súa maneira, a pianista, e as flores que a poeta trasladou á paisaxe musical das súas palabras.

Foi Brahns en 1854 quen lle regalou un diario a Clara para que gardase flores e follas de árbores con anotacións, memoria dos días e lugares dos concertos para que se puidese comunicar co seu home enfermo, falarían as flores. Morreu sen ver ese diario. Despois Brahms fixólle un novo galano que se convertería no Das Berliner Blumentagebuch der Clara Schumann (1857-1879), que viña anotado desde a miña parte do Rhin e que o amigo que mo regalou non sabe o que significa para min. Entre esas datas Rosalía de Castro publicou La flor, "Lieders" e La hija del mar, hai flores e árbores que forman parte da vida das dúas mulleres, tamén despois cando Rosalía escribe das flores do xilmendro e de moitas máis e Clara recibía flores despois dos seus concertos. Tempos en que se sabía que falaban as plantas, tamén as árbores.

O museo máis pequeno de Sachsen en Alemaña está no centro da aldea de Schmorsdorf, xunto a unha árbore tileira que ten entre 400 e 600 anos, Museo da árbore tileira Clara Schumann é o seu nome. No Conxo de Rosalía de Castro temos un carballo de máis de 250 anos, testemuña do Banquete de Conxo, das ansias de liberdade dun pobo. Falan as árbores, votemos polo noso carballo, con Clara no piano e Rosalía na escrita. Digamos que nos queremos co carballo de Conxo, non é cuestión de billetes, é vida, a da tileira e a do carballo.

Comentarios