Opinión

Ceret, un cadro

Cèret é o lar que Carme Coira, con Raquel, Joan e Lucía, nos ofrecen desde hai uns anos: a súa casa e o xardín, coa herba máis seca este verán. Residencia literaria particular para falarmos de libros, cine, pintura e, sobre todo, de linguas e de acentos, de orixes e mesturas das palabras; Cèret só é este enorme espazo afectivo que nos enche os corazóns cada verán para resistirmos no inverno; este pequeno lar Carme Coira, cun acento nunha palabra única (Cèret), a nosa residencia creativa onde bota corpo e aprende a rapazada que depende da nosa responsabilidade. Situado en Ceret (Céret en francés). 

Que importantes son as residencias literarias! É o que lle comentei a Carme cando entrei pola porta; había uns días eu estivera no Pazo de Mariñán, o que agradezo. Moito aprendín conversando sobre os proxectos de Vanesa M. Soutelo, Andrés Sanjurjo, Judith Ruso e Paula Domínguez, participantes nesta primeira edición das Residencias Artísticas de Mariñán; un acerto que é de agradecer á quen leva cultura na Deputación da Coruña e a Roberto Abuín e Rafa Xaneiro responsábeis da categoría de literatura e Pensamento. Que importante é dotar de espazos para a conversa, para o afastamento do ruído exterior, para comunicar xeitos de traballar, pensamentos e palabras. Isto é o que fago eu con Carme Coira cada verán, soñar proxectos. Ás veces, conseguimos poñerlle un remate a algo, como a este artigo; outras, os proxectos amoreanse como a roupa da rapazada da nosa responsabilidade na cesta, só que a esta sempre lle dedicamos tempo por obriga, do que carecemos para a nosa escrita. Por iso para nosoutras, dúas nais de familia monoparental, existe Cèret e desde aquí nos movemos coa niñada a Ceret, onde nas primeiras décadas do XX residiron artistas, eles con todo o tempo de mundo, para conversaren das súas perspectivas, nunha Europa que obrigaba a pular dunha fronteira a outra.

Cando se chega a Ceret por primeira vez pódese ter a sensación de que xa se estivo no lugar; se o cinema nos descubriu Nova York, a pintura creounos moitas imaxes de Ceret. Marabillosa a idea nesta renovación do Museo de Arte Moderno da vila que a terraza do edificio sexa o marco que converte a Ceret na imaxe do cadro. A nosa visión evocará os outros cadros e prespectivas, que fixeron do lugar unha Meca do cubismo, como a denominou o escritor André Salmon en 1912, cunha importancia na cultura como a de Pont-Aven (Breizh). A Ceret, unha vila de vida catalá, chegou o escultor Manolo e convidou o seu amigo Picasso, logo foron chegando Burty Haviland, Braque, Max Jacob, Gris e moitos máis. A fonte de Picasso segue a deitar auga mentres hoxe no Museo, creado en 1950, unha exposición sobre a Escola de París nos obriga a pensar na Europa entre 1900 e 1945: Chagal , Modigliani , Soutine & Cª. Na compaña, as fotografías de Ilse Bing, Maria Breslauer, Florence Henri e Germaine Krull; as pinturas de Sonia Delaunay, Tamara de Lempicka e Mela Muter, e a escultura de Chana Orloff. Ceret foi tamén a cidade catalá desde a que pintando se pensaba no territorio baixo a bota de Franco. 

Algún día as persoas da nosa responsabilidade poderán mudarse a Cêret, lugar dos nosos desexos onde xa habita unha independente Lucía. Unha arela nosa: termos tempo para nós e liberdade para nos encontrar no noso Cèret, onde un acento ao revés é todo un mundo.

Comentarios