Opinión

Cèret, qu'es aquó?

Hai anos que Cèret é un lugar do mapa dos afectos familiares ao que nos trasladamos desde Pepinyà, primeiro, e despois desde El Soler, acompañando o crecemento da rapazada que responsabiliza as nosas vidas. Na primeira década do século a responsabilidade levaranos a Breiz e desde alí, máis tarde, á Sant Pere Pescador, comarca de el Alt Empordà, Principat de Catalunya. Todos lugares que nos demostran que as fronteiras administrativas non se corresponden coas lingüísticas, nin coas culturais, nin coas xeográficas; todos lugares que nos van aprendendo a vivir na disidencia contra os mapas escolares, contra os currículos parciais do ensino deseñado desde a fronteira administrativa. Si, é crecer na verdade da disidencia e aprender que o conto vai polo outro lado.

Cèret é a porta do Vallespir, toponimia que nos evoca cereixas e un val espido. Hai quen di que as cereixas nos conectan co pobo euskaldún, coa orixe na palabra "Kerrete", denominación das persoas das montañas; do mesmo xeito que unha das hipóteses da orixe da palabra Catalunya ten que ver co feito de que as persoas da Occitania vían ao lonxe ("lluny"), lumes ("cata"), "Cata-llunyà". Velaí: non nos chamamos, chámannos.

Cando chegamos por vez primeira a este lugar aínda lle chamaban como figuraba no mapa da escola, Région Languedoc-Roussillon. O nome de "Rosselló" corresponde a unha das comarcas da Catalunya Nord formada por: Rosselló, Vallespir, Conflent (onde a montaña mítica do Canigò foi cantada por Verdaguer), Capcir, Alta Cerdanya e Fenolleda (onde non se fala catalán, fálase occitano). Unha mañá do 2012 as persoas que aquí vivían espertaron tendo que escribir nos seus enderezos a nova designación do lugar: Région de Occitanie. Mais "qu'es aquó?". Fálase aquí occitano? Non. Hai algún resto de castelos cátaros? Non. Nin tan sequera, Branquiña, a linda cabuxa de Monsieur Seguin, protagonista do relato recollido do occitano por A. Daudet en Cartas desde o meu muíño, viu de lonxe as montañas catalás.

A orixe deste dislate está nunha consulta popular do mesmo ano 2012 en que se propoñían denominacións para a zona como Pyrénées Méditerranée, Région Sud-Est de France e Occitanie. Non figuraba a terminoloxía Catalunya Nord, termo establecido polo xeógrafo Joan Becat no ano 1977, no seu recoñecido Atlas de Catalunya Nord. Agora a este lugar chámanlle Departement de Pyrénées-Orientales (número 66 do estado francés) e la Région Occitanie. Para a rapazada de fóra do 66 de Francia é doado comprender as nocións básicas de xeografía: vila, departamento, rexión. Desculpas ás criaturas de Breiz, sen Nantes, Alsacia, Lorraine, País Basco francés, ooh, la la, perdon, les habitans de la Région Pyrenees Atlàntiques e outras...

Como desenvolver o último exame do BREVET 2022 (proba de certificación do primeiro ciclo de secundaria) onde figuraba un mapa do denominado Espazo Francocatalán transfronteirizo, un triángulo cuxos vértices eran Perpinya, Girona e a Seu d'Urgell; como pensar un espazo para o que os conceptos de provincia e rexión franceses non se corresponde? Que significa o adxectivo catalán na terminoloxía do ministerio de educación nacional francés?

Que enderezo porei para chegar aquí de novo despois da vindeira consulta do 2023? Como rematan en rosillonés: Meteaquí un gos, meteaquí un gat, aquest conte... no s'ha pas acabat.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios