Opinión

Carmen Cornes Piñeiro "Carmiña", Nai da Praza de maio

O 5 de febreiro o xornal arxentino Página 12 publicaba unha lembranza con motivo do falecemento de Carmen Cornes hai xa 25 anos, dedicada polo seu neto Nicolás Castiglioni, Susana, Beatriz e por todos os que tiveron a sorte de coñecela. A fotografía de Carme co seu pano de Nai da Praza de Maio acompañaba o texto: Nai de Miguel Ángel Castiglioni, desparecido o 28/11/1976. Ex presa política. Membra da Asociación de Familiares de Desaparecidos de Córdoba. Cofundadora da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles. Seguía unha cita da obra de Máximo Gorki, A nai. Despois as palabras viñan dedicadas ao lado máis privado, que se converteu no máis politico.

"Carmiña, nai, amiga e compañeira de Miguel, e de todos os que tivemos o galano da túa amizade, vivirás sempre na nosa memoria e no noso corazón".

Finalmente reclaman: Trinta mil detidos-desaparecidos: PRESENTES! Verdade e xustiza por Santiago Maladonado, por Rafita Nahuel e polo pobo mapuche!

Ser "nai" ou "avoa" na Arxentina é a militancia máis política que existe, por iso non é xusto que o Nobel da Paz tardase tanto tempo en entregárselle, se é que debemos ter en conta ese premio, se é que xa non perdeu unha parte importante de decencia. Esta foi unha conversa que mantiven varias veces con Osvaldo Bayer. Tamén o foron os pobos orixinarios, a nai do pobo mapuche, que el desexaba que ocupase o lugar que nas prazas tiñan os xenocidas arxentinos. Nesta lembranza a loita de Carmen Cornes e das Nais continúa no apoio aos pobos orixinarios, á defensa dos dereitos sobre as súas terras.

Carmen Cornes Piñeiro contoulle a súa vida a Beatriz López, que a publicou co título de Hasta la victoria siempre... Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida, (Edicións do Castro, 1992). Na obra fala unha emigrante na Arxentina, que naceu en Sisán (Ribadumia) en 1911 e lembra a rapariga humilde das familias humildes daquela, condenada ao traballo desde a infancia e a escola os días de chuvia. Había que ter forza para marchar para o monte a carrexar piñeiros; un deles vai matar o pai. En 1928 Carme Cornes emigra para mandar cartos que hai que pagar a casa. Carme lémbrame a outras tantas mozas, amputadas da historia do país, que se viron obrigadas a emigración para mandaren o diñeiro para a redención foral, para que as familias puidesen acceder á propiedade das terras que levaban tempo traballando, coñezo a historia dunhas cantas. Vai coma tantas co desexo do regreso cando todo estea pagado, traballa nunha fundición e en varias na limpeza e orde de varias casas.

Cando sabe que vai ficar, casa con Jorge Castiglioni, en 1949 nace o seu fillo Miguel Ángel, con el vai a aprender que todas as persoas e oficios teñen dignidade. Chega a década dos setenta e a militancia do fillo, que vai desaparecer en 1975. Carme é detida por lle dar acollida a nai dunha guerrilleira na casa, entra na cadea e o seu home sepárase e fica cos bens, na súa liberación exiliase en Galicia. Regresa para comprobar que xa é outra e non se adapta. De novo, na Arxentina segue coa ronda dos xoves na Praza e acompaña moito a vida do seu neto. Ía declarar como nai e represaliada perante o xuíz Garzón. Lembro que traducín este libro, que non se publicou. Carme cando falaba respiraba en galego, dixéronmo na Arxentina.

Comentarios