Opinión

Camiño da escola, no Courel

Foi polos primeiros anos setenta cando a alguén se lle deu por fechar as escolas unitarias e concentrarnos en colexios “comarcais”, foi así como durante anos a escola de nenas e a escola de  nenos de Mosende quedaran fechadas. Máis tarde volveron abrilas para a rapazada máis miúda, unha decisión acertada que aumentaba a calidade do ensino e fomentaba a comunidade. Canto mellor era aprender en grupos reducidos e desde o mundo coñecido para asentalo e ampliar os horizontes. Penso agora na escola de Malvas en Tui, que fechou hai dous anos escasos, coa desculpa de falta de nenas. Estes días desde a unitaria do Rial en Laraño (Compostela) fan un chamamento e ofrecen unha contorna única para aprender gozando da natureza, precisan de nenos e nenas para que non feche.

Cando unha escola fecha morre un tesouro no lugar, é como se o futuro ficase no ar. O certo é que a nós daquela nos meteron nun coche de liña, para chegarmos á parada precisabamos de media hora andando, logo outra media hora de bus. Os buses chegaban de todas as parroquias, desmanteladas as escolas unitarias. Non había coidadoras e os condutores non sempre eran amábeis. Tiñamos que comer no comedor escolar obrigatriamente. Pasabamos máis tempo fóra da escola e fóra da casa, entre ir e vir, ca nas aulas. Saíamos da casa ás oito da mañá andando, chovera ou ventara, e chegabamos ás seis da tarde. Un ano as familias protestaron e conseguiron mudar o itinerario do bus, acordaron máis paradas e xa nos deixaban máis á beira. Díxose que a empresa levaba cobrando por esa nova ruta desde sempre e desde sempre aforrara na viax. Non o sei. Había que corrixir o que estaba mal e pensar nos nenos e nas nenas. Gañamos moito e xa non andabamos todo o día cos pés mollados.

Estes días fixóse público que os nenos e nenas do Courel ven ameazado o seu xeito de chegar á escola, unha maneira que lles funciona moi ben, desde un sistema de transporte organizado pola propia comunidade implicada, con postos de traballo aos que teñen dereito e nun lugar onde as persoas queren seguir vivindo. Non se debe corrixir o que está ben. Está ben que a prioridade sexan sempre os nenos e as nenas. Que ten entón a Consellaría de Educación na súa cabeza? Como se lle ocorre pensar en reducir gastos, en aumentar o tempo e as incomodidades da rapazada  para chegar á escola? Como poden cuestionar eses postos de traballo? Como poden mandar tando as empresas de autobuses?

Lembrei o inicio do relato daquel vello que quería ver o tren de Rafael Dieste: “Eran de alá da montaña... Dunha desas aldeas de nome bravo e silvestre que repousan perdidas entre calados cumios...” E sentín carraxe. O Courel é moito máis ca unha zona perdida para gozarmos do “turismo rural”; Galiza é moito máis ca un país perdido, na fin do mundo, para (non) vivirmos do turismo. Galiza é un país con moitas aldeas, situadas no seu mapa por Fontán, que teñen dereito a vivir e queren vivir. Todo comeza na educación, para que o neno da aldea de nome bravo e silvestre teña os mesmos dereitos que aquel que sempre puido coller o tren. Os mesmos dereitos para non ter que emigrar. Hoxe os cumios do Courel non están calados e os nenos e nenas son futuro, camiño da escola.

Comentarios