domingo 29/11/20

Caer ao chan

Trátase de non caer ao chan, seino por propia e dura experiencia. Cando o sistema inmunolóxico dun corpo non se pode facer cargo de calquera elemento tóxico, dos que non se ven ou dos que non se foxe, o peor é caer ao chan; calquera ferida pode ser a porta de entrada da morte. Agora sei que a nosa sociedade ten as defensas moi baixas, fáltanos moito espírito crítico para sermos cidadanía consciente e responsábel, para estarmos á altura do momento que estamos vivindo. Son tempos de cuestionalo case todo, de nos volver construír como sociedade, de nos educar para vivir dentro do colectivo e respectarmos o público que é de todas. Respectarmos a vida da veciña como a propia, ela tampouco debe caer ao chan, a súa caída pon en risco a súa vida, mais tamén fai tremer a nosa sociedade de benestar, o solo en que nos asentamos. Teñen razón as persoas relacionadas coa sanidade, as que están en primeira liña, as que eliminan o virus limpando e as que tratan de matalo nos corpos; teñen razón cando din que temos que nos coidar. Esas persoas non nos queren ver alí, no hospital, no centro de saúde. Non ten razón quen nos fai crer que todo vai ben, quen convoca unhas eleccións nestes momentos, quen permite que o alumnado volva ás aulas “se quere”, “voluntariamente”. Non hai razón. O virus está aí, habita entre nós e anda de marcha. Despois de padecelo, despois de estar en coma, hai que aprender a andar, a sosterse en pé, para non caer. Pensar que o virus é un problema individual, que non vai contigo, é a peor aprendizaxe. Trátase de que toda a sociedade aprenda a andar. Moito mal fixeron as persoas que lanzaron o discurso de que a mocidade non era poboación de risco, que non se ía ver afectada, sen explicar adecuadamente e con firmeza que podían levalo e instalalo na súa casa. Ás veces, desde que podo saír, paseo a cidade e vexo grupos de mozos e mozas, que non viven xuntos, sen gardaren as distancias, sen máscaras. Algo ocorre para que ese protexerme cunha máscara para non contaxiar, non sexa unha máxima que nos entre nos miolos; cando temos que lembrar que para morrer só hai que estar viva, que a mocidade pode padecer patoloxías que un día sorprenden. Hai un “a nós, non nos afecta” que paira no ambiente e consume a humanidade, atácaa como un virus. Quen permite que o alumnado que queira volva as aulas está favorecendo ese “a nós, non nos afecta”, está primando ese “se quere” por enriba de todas as demais. Na miña cabeza está esa alumna da Lama que lle di a súa profe que non lle pareza mal, mais ela non pode ir, non ten autobús. De novo a fenda, a desigualdade. Que sentido ten cando xa está aí a experiencia de fracaso en Francia, fechando escolas que abriron, este xustificar o inxustificábel, para xogar na máis absoluta anormalidade. Por que este risco innecesario? Por que este non facer caso a quen puxo a súa vida en risco e pide que nos coidemos? Para non caermos ao chan, cómpre termos coidado xa que o noso sistema inmunolóxico está moi afectado. Mamá, non poderei verte aínda, estou noutra provincia e o alumnado volverá poñerme en corentena para a próxima fase.

comentarios