Opinión

Cabral, unha casa sen escudo

As casas contan a historia e non as sabemos oír. Hai lugares que merecen poemas, saíren ao escenario e seren terra, personaxe que construímos e nos constrúe, entre ser ou non ser: destrución en movemento, aniquilación e mutación. Cabral Capricornio (2003) foi un espectáculo que Cristal Méndez Queizán, desde a súa Amizade con Mowgli (1997), levou ao escenario, unha montaxe que lembro desde que escoito unha casa de Cabral contar a súa historia. Cabral tírase a rolos sobre Vigo e parécenos inmenso. A parroquia foi/é de Lavadores, a Pequena Rusia, aniquilada definitivamente en 1941, para ser Vigo, parte activa na (de)construción de nós. Fálanos a casa recuperada pola Comunidade de Montes de Cabral en 1992,  Premio de Arquitectura Popular Irmáns Gómez Román pola súa restauración. Fálanos a casa, sede da asociación agraria, “Sindicato de Agricultores e Productores de Cabral”, que se ergueu en 1917, nun momento histórico en que o país estaba artellado por unha rede de asociacionismo de obreiros agricultores, como figuraba en moitos dos seus estandartes, capacitado para levar adiante a reivindicación dos dereitos de homes e mulleres. Fálanos a casa, como a próxima da Sociedade Agraria de Lavadores de 1911, como tantas outras espalladas polo país, do tempo do agrarismo, de congresos, folgas e manifestacións, de auténticas rebelións populares que mudaron leis, que marcaron a axenda política, expresión que non existía daquela, nas primeiras décadas do XX; lembra a casa, detencións e mortes nas concentracións, a lectura de fervorosas discusións parlamentarias que remataron cos foros, a chegada da república, a elección de Antón Alonso Ríos como deputado agrario, as doazóns para a construción do Monumento aos Mártires de Sobredo; lembra a dignidade. Esta e outras casas por toda a xeografía de nós, en pé ou encanastradas, falan do espolio despois de 1936, dos xuízos sumarísimos, dos asasinatos de moitas das persoas que tiveron voz e voto, que figuran orgullosas nas fotografías rescatadas ao pé de bandeiras bordadas cun home e un arado, como sinal de identidade; noutras diante da porta da sociedade, o orgullo é unha muller no escudo, o mesmo da Santa de Asorei. A casa da Comunidade de Montes de Cabral, berra a súa verdade, que lle foi en 2005 deconstruída cando a súa directiva lle chantou un escudo nobiliario da liñaxe do apelido Cabral que nada ten que ver coa parroquia, como fan os novos ricos, desertores do arado. Este escudo é a imaxe dos intereses mercantilistas que ameazan a Cabral, a Lavadores, a Vigo e a Nós; intereses que nada teñen que ver co aproveitamento do monte veciñal dunha maneira comunitaria, sostíbel, pensando na parroquia; que nada teñen que ver coa orixe da casa, punto de luz, nese tecido de reivindicacións de hai cen anos, luminosa na súa restauración xa vai para trinta, agora aldraxada, espoliada a súa memoria, mercadoría. A casa chama pola veciñanza, chama por nós, para que lle arrinquemos ese escudo alleo, para que llo chimpemos na cabeza aos alleeiros e deixemos a súa parede baleira.

Comentarios