Opinión

Blanca

Tan connosco, querida amiga, como nos doe a túa ausencia, todas esas ausencias que te acompañan, con nomes e apelidos, con seres queridos que choran e reviven a dor con rabia de tanta vida segada. Quero berrar non só pola túa perda, berro e a este berro sei que se uniría o teu, para pedir xustiza até o remate, para esixir a verdade até a última das responsabilidades. Ti, querida amiga, sei que non queres que isto volva ocorrer, eu tampouco. O futuro viaxa tamén en tren, todos os días,  ten que ir seguro e arrolado, adormecido mentres discorre pola paisaxe da terra, unha locomotora de ferro, que só podía traer progreso. Así o queriamos, Angrois, ti e mais eu. 

Tan connosco, querida amiga, como nos doe a túa ausencia, todas esas ausencias que te acompañan, con nomes e apelidos, con seres queridos que choran e reviven a dor con rabia de tanta vida segada. Quero berrar non só pola túa perda, berro e a este berro sei que se uniría o teu, para pedir xustiza até o remate, para esixir a verdade até a última das responsabilidades. Ti, querida amiga, sei que non queres que isto volva ocorrer, eu tampouco. O futuro viaxa tamén en tren, todos os días,  ten que ir seguro e arrolado, adormecido mentres discorre pola paisaxe da terra, unha locomotora de ferro, que só podía traer progreso. Así o queriamos, Angrois, ti e mais eu. 

"O futuro viaxa tamén en tren, todos os días,  ten que ir seguro e arrolado, adormecido mentres discorre pola paisaxe da terra, unha locomotora de ferro, que só podía traer progreso. Así o queriamos, Angrois, ti e mais eu". 

Blanca, falamos tanto dos camiños de ferro, desde as nosas querenzas literarias que nos levaban daquel vello que quería ver o tren de  Dieste, ilusión e futuro no seu neto, até a morte que viaxaba no corpo dos soldados en O tren chegou puntual de Heinrich Böll, e polo medio a marabilla de Estraños nun tren de Patricia Highsmith, que nos obrigaba a sentenciar eufóricas, moito mellor que o filme, porque para nós a literatura é o primeiro. Falamos tantas veces do tren, da estación humilde de Caldelas, case abandonada, da xeitosa de Valença, da de Guillarei, parada obrigada que levou tanta mocidade camiño da emigración, zume do país que hoxe volve emigrar en compañías aéreas de baixo custe, tantas estacións que se perden pola xeografía que atravesa única e sempre inédita, este vehículo que nos semella o máis seguro do mundo, o tren que nos leva pola beira do Miño. Seguimos querendo o tren, aínda que agora viaxamos coa rabia metida no corpo, non nos cabe a indignación. Non nos fiamos. Non. Grande é a cobiza da xente. Sei que estás a dicir, pagan xustos por pecadores, e é así, cando a seguridade da cidadanía non é interese principal. Mais seguimos querendo tren, mentres berramos para esixir a verdade e responsabilidades. É, sabes, seguen a mentir, a mentira enche os seus discursos e macela con medallas a honra de quen si cumpriu co deber de axudar, sen agardar nada a cambio, con ese deber de saber estar e tender a man. Négome a ver o teu nome nun listado de vítimas, tod@s somos vítimas, todas perdemos, vós, mort@s queridas, a vida... Nós, a vosa vida e, aínda máis, a credibilidade. Non podemos confiar. Sabemos da fraxilidade da vida, mais esta vez non se pode falar dun erro humano, cómpre falarmos da irresponsabilidade, grande é a cobiza da xente.

Moito me gustaba falar contigo, as horas libres, poucas no Instituto San Paio, daban pouco para iso, outras o camiño de volta a casa, lembro unha vez que nos acompañou a conversa sobre Alfonsina Storni e como ía derivando, lectoras nós, que temos montes e moreas de libros até debaixo da cama, que desexamos que inventen un sistema cómodo, un soporte necesario para estarmos máis felices no leito cando lemos... Moito falamos, Blanca, tamén dese discreto encanto da burguesía, que te levaba a asegurar que che gustaba ter a comida pronta na mesa, ese encanto do que fixeches gala no teu discurso de xubilada, naquela cea do Instituto, feliz de te ter dedicado a unha profesión nobre, aínda nestes tempos que todo lle vai en contra, orgullosa de ser ensinante até que o tempo cho permitiu. Lembro aquela frase: Agora, xa o sabedes, tócame o Sintrom!

Tamén lembro esta outra dúbida, nunha conversa,: Vou ver como vou levar isto, eu son vaga e o instituto asegúrame un contacto social. E eu, que non te podía crer, díxenche, chamareite para café... Mais despois case non tiñamos tempo, non lle deches oportunidade a que a casa che caese enriba, e a Coruña, a cidade da túa infancia, recuperoute un pouco máis e fixeches unha viaxe fermosa a México, estiveches coa túa amiga Chonchiña e regresaches feliz, moi feliz, chea de memorias. Gustarache saber que Tui, fíxolle unha homenaxe hai uns días a Francisco Comesaña e a Chonchiña, sei que na mente de moitas persoas alí estiveches, en San Bartolomeu, nun lugar que agora leva os seus dous nomes, que vai dar á súa casa en que pasaches tantas tardes.

"Gustarache saber que Tui, fíxolle unha homenaxe hai uns días a Francisco Comesaña e a Chonchiña, sei que na mente de moitas persoas alí estiveches, en San Bartolomeu, nun lugar que agora leva os seus dous nomes".

Tampouco sabes,  e quero dicircho, que morriches nunha curva de Angrois, a túa vida que xa tiña tantos elementos dramáticos desde a infancia, a vida, que me prometeras ías escribir, agora con tempo, para os teus netos, rematou así, no accidente de tren, con moita xente que viña de festa e para unha festa. Todas e cada unha das persoas que faleceron contigo ou despois no hospital tiñan unha vida, tamén unha novela que contar. Xa sei que podes imaxinar polo tamaño da traxedia  que a nova percorreu o mundo e invadiu partes e portadas de xornais, ironías, o nome do país sona no mundo pola catástrofe,  e nós, hoxe un ano despois, seguimos a berrar: Nunca Máis. Blanca, un ano despois seguen sen se esclarecer os feitos, un ano despois non se abre como é debido unha investigación, un ano despois seguimos chorando, con carraxe.

Non sabes, e quero dicircho, que moito te chorou Tui, que ao teu enterro asistiron alumnos e alumnas, recentes e de hai moito tempo, tamén estiveron, e isto sei que che gustaría, aqueles tan guapos, o Bravo e o Jaso, dos máis vellos; representando aos máis novo, tamén Miguel Caruncho, quen con un respecto absoluto foi colocando as coroas de flores no seu lugar.  Para que o saibas desde Cambados, chegou, porque non quixo faltar, outra antiga alumna túa, Isabel González Avión, hoxe profesora e que lembra as túas aulas e, sobre todo, a ti, amante da mocidade e da vida. Semente viva, Blanca! Volveu, entre tanta pena, estar atinado Alonso Vidal, xa sabes da xenialidade de moitas das súas frases, que tanto nos fan rir, quero contarche a do teu enterro, para que a coñezas, meréceo, aí vai:  Quen está enterrando a Blanca, representa a todos os alumnos que tivo, e  isto é bonito, cando os alumnos enterran a unha profesora, un ciclo de vida, isto é literatura!  

"Desexo unir a miña voz coa do teu fillo Carlos, coa de Débora, coa de todas as persoas que esixen o esclarecemento das causas do accidente"                    

Mais, Blanca, permíteme que soñe eses teus últimos momentos, xa que ti nunca soubeches da curva de Angrois, nin do descarrilamento. Así te vexo: Tes moita sorte, non che tocara a ventá, mais puideches mudar de lugar, tes aínda Madrid a ferverche no corpo, que ben o pasaches coa túa amiga, hai que repetir, non fai falta poñer como escusa a Dali, nin a súa pintura... Ademais isto de viaxar así sen que ninguén o saiba renova o espírito, volvícheste un pouco moza, exercer a liberdade tamén é isto, non dicir nin unha palabra de por onde se anda. Rematou o tempo de “fillos criados traballos, dobrados”, polo menos estes días.... Agora dedícaslle un sorriso aos bicos desa mocidade que son estralos no vagón... É este un día en que pensas que a vida paga a pena, e volves ao libro que levas nas mans, do que non podo ver o título, non o acerto, cáeche na abada e a túa cabeza xa non topenea. Un sono lixeiro, arrolado coas falas alegres das mozas que subiron en Ourense, sucumbe feliz e faise profundo, e en colores corres coa túa cara de nena, logo vas mociña de ganchete con Ricardo, e agora a túa manciña de rapariga primeira agarra a man doutra nena, é Débora, a túa filla, que se solta para darlle unha patada a pelota que chega a rolos pola costa abaixo e que lle lanza o sorriso lindo de Carlos. Entón é cando volves os teus anos e escoitas a Xacobe que te chama... Velo coa súa cariña alegre, luminosa e dislle, feliz: teño un neto novo e ti un curmán, chámase Ricardo André... El bate as palmas. Nunha última imaxe Débora e Carlos, merendan na beira do río, os nenos dormen nunha manta no chan... Ti acenas desde a ponte, e non te ven,  e por enriba vai o tren desde Valença, e non te oen... Ti estás aí, ti vas estar sempre aí, sempre sen molestar, con ese discreto encanto da túa presencia. Inesquecíbel, Blanca, querida.

Eu, lonxe, en Ober-Hilbersheim (Alemaña), coa cabeza na curva de Angrois, o 24 de xullo de 2014.
Días hoxe máis tarde, agora e sempre, en que desexo unir a miña voz coa do teu fillo Carlos, coa de Débora, coa de todas as persoas que esixen o esclarecemento das causas do accidente. Pola vida, Blanca, pola vida.

Marga do Val

Comentarios