Opinión

Benzón, Darío

Benzón é un palabra entrañábel, solemne, como a obra literaria de Darío Xohán Cabana. Entrañábel por vir da raíz e solemne polo respecto co que andou e tratou cada palabra. Hoxe vivimos o mundo tan de présa que non sei se as persoas se deteñen a escoitar o alento tan vivo que teñen as palabras do escritor de Roás. Moita vida lle deu á lingua nosa e ás palabras de moitas outras linguas. Hoxe falaba coa miña amiga, Paz Pereiro, comentabamos como Darío Xohán Cabana nos acompañou nas lecturas como ensinantes; onte e hoxe, nós as dúas (e creo que non só), desexamos que algunha das nosas alumnas, dos nosos alumnos, diante da triste nova do seu falecemento, diga: eu lin no instituto un libro deste escritor, Galván en Saor. Poida que algunha, algún, lembre a motocicleta de Galván volverse cabalo para viaxar dun tempo a outro, os encontros amorosos entre Silvia/Silvania e Galván "un cabaleiro cincuentón"; poida que lembre o anano Vedromil ou o cabaleiro da armadura verde ou como a forza de Galván aumenta na medida en que o sol está no punto máis alto do ceo. Outros e outras, lembraranse de Fortunato de Trasmundi ou de Cándido Branco e o cabaleiro negro e a rapazada máis miúda de As aventuras de Breogán Folgueira. Moito nos acompañou a súa escrita cando había máis tempo para ler e un libro era unha aventura, un viaxar a outro mundo e atoparse, ler e lerse en soidade ou en compaña, cando falar de lecturas era crecer. Teño a certeza que algunha alumna, algún alumno, que prendera na poesía pode lembrar os versos dalgún soneto. Seguro que algunha, algún, lembrará de onde vén "Saor" e saberá situar no mapa a parroquia de Roás, en Cospeito e na Terra Chá, ese principio de ser, querer e saber estar no mundo do escritor, e, sen ser conscientes, ofreceranlle unha entrañábel e solemne oración laica.  

Foi Cabana autor de poemas precisos, en forma e contido, que levou a lírica ao máis alto, sempre escribindo para o pobo, entregado á lingua dese pobo, non dicimos nada novo e insistimos no seu sentido de ética e estética que van da man; compromiso que o obrigou a entregarse, en certo sentido, monacal, á tradución, á traer a literatura clásica italiana, os trobadores da Occitania ao galego, literatura doutro tempo para a nosa literatura. Falaba con outra amiga, definiuse como apocalíptica, e eu debo ser entón coma ela, teño a sensación de que o escritor de O cervo na torre e Morte de rei aínda está por descubrir e non sabemos se o tempo e os seus ritmos actuais van permitir que isto aconteza; Dante, Petrarca e Cabana están noutra dimensión da cultura e da vida, na mesma dimensión onde habita a arte de trobar e tanto amor.

Coincidín algunhas veces con Darío Xohán Cabana, en Tui nun recital en San Domingos e noutro de homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez, estabamos no Museo da Paz en Gernika cando soubemos da morte de Xela Arias, descubrín un home leal aos seus mestres, ás amizades, agradecido á súa compañeira, Amelia, por ter lido e opinado sobre todo o que escribiu. Agradézolle moito a Darío, o último texto para Xela Arias que lle lin, por admitir como a poeta os situou e se situou no seu lugar. Agradézolle o gozo que sinto en todos os alentos das súas palabras. Benzón.

Comentarios