Opinión

Benquerido Soufian

E para quen vai a carta hoxe, profe? Moitas veces me fixeches esta pregunta, Soufi, con ese sorriso pícaro. Eu contestábache e despois de atenderes outra mesa, volvías para que che contase a epístola do mes, convertíaste no seu primeiro receptor. Cando a lías no papel, observabas as diferenzas entre o dito e o escrito: “Hai ideas novas, profe! Supoño que sempre aparecen cousas novas até que se escribe o punto e final”. Diante de todo o mundo, chamábasme “Marga”; cando falabamos entre os dous, era “profe”, reservabas para a intimidade esa relación que une para sempre, coa que me lexitimaches para botarche algunha bronca, meterme na túa vida e, sobre todo, chorar e rir contigo. Hoxe a carta vai para ti, con toda a tristeza do mundo, xa sen o teu sorriso.

Soufian Mraha, tiñas vinte e catro anos e toda a vida por diante, sempre semellabas feliz e sempre lle poñías ás dificultades da vida ese sorriso que hoxe todo o mundo bota de menos; con el loitabas e vencías, eras un sobrevivente. Falamos moitas veces, non é fácil saír adiante nun sistema de ensino como o que partillamos, como alumno, como profe; non é tan doada a integración, como membro dunha familia de orixe marroquí, nun mundo de estereotipos e cheo de prexuízos, onde o diferente crea desconfianza e sempre dá que falar. Gañáchesnos no IES San Paio de Tui, no IES A Sangriña da Guarda. Gañáchesnos en todos os locais en que traballaches, en cada café que nos servías, en cada viño, coa palabra e a elegancia xusta. Gañáchesnos xogando ao fútbol, nas conversas coas amizades. Gañáchesnos cando camiñabas feliz da man dos teus amores. Gañáchesnos cos teus soños. Gañáchesnos coa túa educación, coa túa ética herdada da familia e da comunidade. Contra todos os prexuízos, gañáchesnos.

Tiñas vinte e catro anos cando alguén rematou coa túa vida, cando nos foches roubado. Perdeches e perdémoste. Para compoñermos o quebracabezas que nos angustia só datos que se repiten en todos os xornais, un suceso que rachou a tranquilidade de Salceda de Caselas, unha noite de marcha, tres navalladas que te matan e te levan até o banco da praza, onde poñemos flores, onde sentou túa nai sen consolo, ela, as túas irmás e todas a mulleres que a acompañaban, cando nos xuntamos para berrar en silencio a nosa dor, para con todos os abrazos que nos demos por ti, xuntarmos rezos e ladaíñas laicas e gañármoslle, no teu nome, aos prexuízos.

Soufi, detiveron Jürgen, un mozo ao que chaman “o Alemán”, pola súa orixe, pola súa diferenza. Deixárono libre, non hai probas contra el, ten que estar localizábel e parece que durmía na súa cama cando te mataron. Como dixo a túa irmá, de novo desde a praza, co teu banco con flores, el é tamén unha vítima máis. Á dor da túa familia, á das túas amizades, únese a impotencia que non dá respostas. Quen te matou? Quen sae da casa cunha navalla para matarte? Como é posíbel que entre tantas persoas ninguén saiba nada, ninguén vise nada? Desde a praza pídese xustiza para ti. Ameázanos o temor de non sabermos nunca quen cravou a navalla. Por que? A desconfianza paira nas nosas cabezas, queremos que a xustiza actúe con todos os seus medios, que se investigue, non pode ser o teu o crime perfecto.

Todas as persoas que te queremos, e somos moitas, temos contigo unha historia especial, todas podemos lembrar palabras e momentos que non queremos esquecer, todas temos gravado na cabeza e na angustia da boca do estómago o teu sorriso que iluminaba as rúas. Nós xa non iremos contigo a Beni Mellal, onde querías volver, por que nese lugar estaba todo, historia e paisaxe, dicíasme, mentres me falabas do teu proxecto de emprender algo relacionado co turismo. Agora volves morto para ser enterrado segundo as crenzas da familia. Prometo visitar ese lugar ao que querías regresar, para prenderes futuro, atravesar a cidade e deixarme acariñar polo vento, polo sol, pola túa memoria de bo rapaz, de mozo alegre. Grazas, benquerido alumno, por todos os cafés con tanto amor.

Únome para pedir xustiza. Abrazo a túa familia e amizades. Queremos saber quen te matou e, por iso, xa sabes, non lle podo poñer un punto e final á túa historia.

[Este artigo foi publicado no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza]

Comentarios