Opinión

Atención médica no domicilio con tenrura

A Covid-19 ataca a saúde e converteuse en coartada perfecta para un sistema ao que lle conveñen as persoas que non lle dean problemas. É a aliada perfecta de gobernos que atentan contra dereitos fundamentais que tanto nos levou conseguir: o ensino público e a sanidade pública. Todas e todos somos vulnerábeis detrás da nosa propia máscara. Resistimos e aprendemos día a día a sobrevivir coa nosa resiliencia e moitas podemos regresar a casa para o nadal, aínda que o fagamos as outras fins de semana.

É unha sorte partillar a tenrura excepcional que nos afasta do día a día, con mamá, tamén o fai a miña amiga Purita e Javier do Varela, que falan con ela moi regularmente, mantendo así unha cadea de afectos que se transmite. Tiven que chamar ao centro de saúde para solicitar atención médica a domicilio para unha persoa maior, a voz automática que me ía marcando os pasos indicoume que debía pulsar o número catro para este apartado. Repetín o proceso varias veces até me dar conta que co catro a chamada remataba. Marquei un número de urxencias, ninguén atendeu; volvín marcar outro número e a voz automática guiábame de posibilidade en posibilidade, e finalmente, marquei o 061, como me indicou. Unha humana pediume os datos da miña nai, comentoume que era moi difícil que a súa médica ou outra puidese visitala no seu domicilio, que había moito traballo e pouco persoal. Pasoume cunha médica moi atenta que me propuxo que a levase a urxencias, que probablemente o que tiña era vertixe e que cunha medicación lle ía pasar máis rápido. Mamá comentou que debía ser vertixe e que se lle ía pasar sen medicación prefería esperar na casa, se non había persoal para atender máis pacientes, mellor era quedar na casa e que todo pasase en calma e non agoniada nunha sala de espera. De tensión non andaba mal. Agardamos e lembramos todos os médicos e médicas da sanidade pública que foran pasando pola casa cando pai estaba enfermo, cando acompañamos a súa morte digna, a doutora que o calmaba, cando era posíbel a empatía e os médicos e as médicas non estaban sometidos á tiranía da atención telefónica, tiñan tempo para pacientes coas que levaban tratando anos.

Mamá quere facer todo soa. Trátase de poñer ben o pé, saber que che pode fallar a perna. Prepara o almorzo das dúas e o café de calcetín. Se deixas de facer as cousas ti soa, acábaseche a vida. Almorcei suficiente, non vou xantar até a merenda, vou poñer o espertador para non esquecer de tomar o sintrom e vouche para cama, toca esperar a que pase a vertixe. Vou chamar para que veñan atender as galiñas. Se hai que lle ir ás galiñas, é cousa de que hoxe só está para andar pola casa.

Canta paciencia hai que ter para chamar por teléfono, para chegar á voz humana que te atenda, así para todo. Isto e que non haxa máis médicas, nin que non teñan máis tempo, non ten que ver coa pandemia. Hai que ver a quen se vota, di ela. Eu digo será cousa de resiliencia. Ás persoas maiores hai que oílas e sobre todo respectalas.

Nós estamos aquí felices e xa nos foron as galiñas, con empatía. Na atención no domicilio que non vos falte o afecto.

Comentarios