domingo 05.07.2020

Aniversario

Fronte á esa parte da humanidade confinada, que conta arrogante nas estatísticas, lonxe daquela que non figura nin nos papeis, a vida agroma e chouta libre. Con sorte aprenderemos a comer o tempo devagar para descubrirmos eses choutos, eses gromos: o merlo co seu bico amarelo e as floriñas ventureiras nas sebes e valados polas que xa levamos tempo sen trepar. Se non reparamos que a sinfonía da vida comeza moi cedo tamén nas cidades co canto dos paxaros, antes de que volva o ruído dos vehículos ocupados pola présa, entón estaremos perdendo a oportunidade de gozar, de valorar o trunfo que hai nas nosas mans na partida co tempo como compañeiro. Nesta parte da humanidade, con nome nos papeis e inconsciente de que a vida esvara entre os dedos, hai dúas maneiras de se comportar diante da data que sinala no almanaque o aniversario. Hai quen non celebra o día que naceu e odia cumprir anos, incluso ve con horror como un ano novo mata o vello e pensa que as festas de aniversario só son para a rapazada miúda con toda a vida por diante. Do outro lado, estamos quen festexa esa data coma nosa e a reivindicamos como día feriado no traballo por dereito de nacenza. Eu celebro o meu aniversario con entusiasmo. Débollo ao meu pai que me lembraba que era a nena bonita, a súa sen dúbida, por nacer o 15 de abril, ás 15 horas e 15 minutos; algo que sabía a familia que me quería e me levaba dun lado para outro, neta e sobriña privilexiada. Débollo a miña nai e os seus biscoitos de chocolate na infancia e, desde moza, a súa chamada, cando non estamos xuntas, ás 15: 15, para compartirmos ese instante tan único, parto e nacemento renovado. Chamou e sentinme afortunada. Comprenderedes que é un galano precioso. Vexo neste confinamento nas novas pola tele como a veciñanza canta e parabeniza desde as varandas á rapazada miúda e ás maiores polo aniversario como algo transcendente, quen nin coñecía comeza a formar parte da súa vida. Isto está ben se quen te celebra agradece da mesma maneira o seu labor por coidarnos, ás veciñas e veciños, médicas, enfermeiros, a quen atende en farmacias, en tendas de alimentación. Isto non sempre é así. Fun feliz este aniversario, cociñei como a miña avoa, fixen bicoitos como a miña nai, dixen frases do meu pai, celebrei ter compartido a vida con quen non vai volver, reuninme a distancia con amigas, contestei mensaxes, chamadas de teléfono, deixeille un anaco de biscoito á miña veciña pendurado da porta, entregueille outro anaquiño ao meu afillado, Manuel, sen tocalo e coa distancia recomendada, cando baixei tirar o lixo. Sobre todo, tomei o día libre, traceino como quixen e non o soubo ninguén e sentinme privilexiada por poder ficar na casa. A distancia, nunha conversa entre catro, soprei unha vela noutra casa e maldicín polo baixo, a quen con notas ou con ameazas directas, esixe que as persoas que nos coidan e nos manteñen seguras nas casas e nos hospitais, abandonen as súas vivendas; maldicín estas miserábeis e desexo que o tempo as poña no seu lugar. Pedín un desexo nada orixinal e necesario para o mundo: teito, sanidade, educación e unha renda básica universal. Feliz aniversario.

comentarios