Opinión

Andar en tren

Quería escribir sobre o tren, sobre o pracer enorme do desprazamento, de ser transportada a través dunha paisaxe, dese sentirse arrolada por un son que vai perdendo, dese sentirse arrandeando entre fragas, montes, ribeiras, aldeas e vilas... Isto é: "andar" en tren. Era así como me dicían de rapariga: hoxe vas andar no tren. Imos ir de Tui a Valença para que andes no tren. E andei en tren e foi algo marabilloso que prendeu en min, o Miño estaba tan alá abaixo que sentín unha vertixe enorme, era tan grande que me enguliu. Desde entón sufro moito lonxe do río, máis do que pensaba; desde entón sei que andar en tren dáme o amor enorme da paisaxe, que me acariña, que me arrola.

Agora o tren, esa espiña dorsal da miña viaxe nesta vida, está de oferta desde e a Madrid, rápido, como se desexa todo nesta aceleración, en que o tempo non é ouro (esa fermosa cor do outono para gozar), o tempo é diñeiro. Galano con veleño este tren que voa e non se detén, barato para este novo mes, para voarmos e non andarmos, para que nos engula a meta da capital, por esa obriga de que todo pase por Madrid. (Madrid se escribe con V de Vigo?) Rápido ir de Ourense a Madrid, barato e cómodo.

Eu namorada dese tren que me leva pola beira do Miño, desde Guillarei, vexo as veigas e, sinto unha dor enorme ao pasar pola estación de Caldelas, véñenme á cabeza as familias que paraban aquí para gozar das augas do Balneario; segue o meu corazón encollido pola paisaxe milenaria das pesqueiras de Arbo. É posíbel ir a Arbo en tren? Parará o tren en Caldelas? Só teño o tren portugués para saír de Tui? Parará algunha vez o tren no Porriño? Desde onde podo chegar a Ferrol en tren? Unha vez fun desde a Coruña a Guitiriz en tren, hoxe leva setenta e un minutos; gustoume ver Oza dos Ríos desde o tren. Sempre será unha marabilla a viaxe desde Vigo á Coruña, ese achegarse e afastarse do mar, un cóctel sensitivo que non ten prezo e, no traxecto, Redondela, punto especial con historia tráxica de tren. Tampouco se paga chegar desde o centro de Europa a Galiza en tren, o corpo afaise no camiño, atempérase, a paisaxe acompaña e apréndenos, é a mellor maneira de chegar a un lugar, para querer pertencer a el e ficar un pouco, seino. O avión hoxe é para turistas de Instagram e foto rápida; moitas veces o andar do camiño de Santiago é para selar etapas e dicir que se chega, hai quen o fai para levar unha mochila, para contaminar co calzado no remate. Hai moito andar baleiro que é un xeito de estar tamén no mundo, como ir a Vigo por ver o lucerio do nadal, como pagar dezaoito euros, pillar esa oferta para ir nese tren que voa e chegar rápido a Madrid, que aínda che vai dar tempo de ir e volver a V, iluminada. Ese andar baleiro de quen vai polo mundo por levar "maletas", neste caso non usamos a palabra da casa, valixa, para que non se confunda coa diplomática.

Quero percorrer Galiza en tren e non como turista, quero que as estacións humildes teñan vida, que as persoas deixen o seu coche preto da estación e que en tren cheguen ao traballo e ás súas mañás e tardes de feiras, mercados e paseos. Quero andar Galiza en tren e sermos nós e chegar a Europa, sen ter que pasar por Madrid.

Comentarios