Opinión

Alfred, quérote moito

Alfred é maior e está nunha residencia para persoas maiores na Renania Palatinada en Alemaña, non lle damos unha aperta, nin un aloumiño, nin lle poñemos música, nin cantamos con el, desde o mes de agosto. Alfred perdeu moito na vida: Cando tiña cinco anos, o pai, granxeiro en Ober-Hilbersheim, morreu, obrigado soldado, en Ucraina; a nai tardou moito en saber da morte do home e o seu avó suicidouse. Perdeu o seu fillo hai cinco anos. Entre estas dúas perdas construiu unha vida e compartiu outras. El é hoxe como o voso pai, avó, familiar, amigo ou veciño. Tamén a vosa nai, avoa, familiar, amiga ou veciña. Alfred é esa persoa á que non lle podedes dar unha aperta, un aloumiño, nin lle podedes falar como se as vosas palabras fosen música e con elas, recobrase un instante de luz, que florece riso alegre no seu rostro. Persoas todas que fixeron unha vida, que axudaron e andaron nas nosas vidas, que nos seguen a dar moito, o aprendido é para sempre. Dóeme Alfred e todos e todas as Alfred, a súa soidade inmensa. En agosto Alfred recoñeceunos coma sempre, sabía que estabamos aí. Agora a soidade en moitos casos convértese no que semella abandono obrigado ou en abandono certo. Ninguén lle pode levar os nosos, nosas, Alfred a nosa voz. Alfred obrígame a pensar en todos e en todas as Alfred que morren sós, sen compaña, que non se poden despedir, con memoria ou sen ela, sen unha man próxima que lles lembre que son cidadanía, que o seguen sendo. Tamén doe e, fura no máis fondo de nós, pensar que non volveremos aloumiñar, despedir as nosas maiores e que nos entregaremos a un dó sen corpo. Penso no dó da nai de Alfred como viúva de guerra, no de Alfred como fillo, sen o corpo do pai morto. Véñenme á cabeza as familias buscando quen sabe onde os corpos mortos pola represión franquista. Esta guerra singular, espero dea a oportunidade de comprender esa importancia do corpo para o dó.

O que Alfred compartiu comigo foi fermoso, miles de historias sobre a aldea en que viviamos, sobre a vida de Alemaña entre 1939 e 2019, xa que en agosto aínda seguín aprendendo con el, a súa vida incrustouse na miña, como o seu fillo, como a aldea. Un día falamos dos alimentos en época de guerra. Sempre me impresionaron os invernos en Alemaña, a neve terríbel que impide que nada medre, sempre me marabillaron os cambios de estacións, tan reais, esa primavera rebenta en todos os gromos e bota todas as sementes; eses meses de todas as froitas dos contos da infancia que se poden meter na boca porque están para todas as mans, en todos os camiños. Disto viviu Alemaña na guerra, de gardar para o inverno o que a terra daba. Alfred díxome: o máis importante é a auga; despois o azucre para facermos marmelada, aguanta moito tempo e dá enerxía, a froita xa a hai, e porcións de caldo, fervidas en auga axudan a pasar o inverno, unha comida quente no estómago é o fogar do teu corpo. Merquei porcións de caldo e cos últimos Kiwis de Mosende fixen marmelada. Escoito Lilie Marleen, na voz da muller que lle dixo non a Hitler, como insiste Alfred, a Dietrich, e coa torrada da mañá, digo: Alfred, quérote moito.

Comentarios