Opinión

Desde Alemaña: Emine Sevgi Özdamar e Margarethe von Trotta

En atravesando a fronteira luxemburguesa cara a cidade de Tréveris a radio comunícanos unha boa nova: a escritora turco-alemá Emine Sevgi Özdamar é quen vaI recibir o prestixioso premio literario alemán Georg-Büchner. Lembro a derradeira década do século XX cando o seu nome e o seu rostro se fixo familiar na literatura alemá; cando se comezou a falar tamén do fenómeno da nova onda do cinema turco-alemán e da literatura escrita desde as vivencias nesas dúas linguas, a alemá e a turca, ás que se sumaban a autora Alev Tekinay ou os autores Feridun Zaimoglu e Selim Ozdogan; nomes que recibiron o recoñecemento ou promoción da súa obra co Premio Adelbert von Chamisso, que se concede desde 1985 a autoras ou autores que escriban e publiquen en alemán, sen teren esa lingua materna.

A obra de Emine Sevgi Özdamar ten como valor principal a súa lingua, as reflexións sobre ela como materia literaria e como identidade, presente xa na súa obra teatral Karagöz in Alamania (1992), cuxo título recolle esta dupla identidade. Quizais sempre asombrando unha a outra, Karagöz fai referencia ao teatro de sombras turco, desde a súa primeira obra narrativa, Mutterzunge, un relato fascinante que nos permite pensar desde o inicio nun título que xoga, por un lado con 'A lingua da miña nai' e, por outro lado, con 'A miña lingua nai', (1990), onde nai e lingua se identifican, esa lingua coa que fala crendo que di todo e deixando cousas por dicir, a que está na memoria como o seu avó. A lingua turca que renace na lingua alemá e viceversa, as imaxes. As frases dunha vincúlanse coa outra, dando lugar a unha materia nova coa que construír a identidade, unha lingua retorcida que se encarna no corpo-casa-portátil que se traslada dun lugar a outro, como dixo a poeta Hilde Domin; unha lingua retorcida que fala da perda e da ganancia. Non será sorprendente que esta autora reciba algunha vez o Nobel de literatura pola beleza e riqueza expresiva da súa obra renovadora, como é a de Herta Müller, ese alemán tan romanés, ou a de Elfriede Jelenik, esas voces e contravoces que gañaron o xurado da academia sueca por destruír e deconstruír; todas elas, as tres, mostrándonos a escrita desde muller e a elasticidade das fronteiras dos mapas afectivos, contra o poder esmagador. Unha boa nova este premio, non me sorprenderá o Nobel, insisto.

Cando xa non nos queda máis remedio que preparar o regreso coa ameza real da chegada de setembro, cando os saúdos son xa despedidas, neste país en que tamén abrazamos a súa/miña lingua coma un fogar, o recoñecemento á carreira de Margarethe von Trotta por parte da Academia de Cine Europea (EFA) tamén nos enche de felicidade na casa onde estamos en Tréveris. Esta actriz, guionista, directora, pertencente a aquela xeración que se coñece como Novo Cine Alemán que chegou na década dos setenta con Fassbinder, W. Herzog, Schlöndorf ou Wim Wenders, entre outras cousas para cuestionar a responsabilidade histórica de Alemaña co nazismo. Von Trotta é a directora que nos ofreceu a historia da cultura europea a través de tres figuras fundamentais: Hidegard von Bingen, Rosa Luxemburg e Hannah Arendt. A súa ollada feminista entrou na secreta vida cotiá, nas familias, e agasalloume con filmes en que moito aprendín da súa/miña cultura. Regresamos felices.

Comentarios