mércores 14/04/21

Agosto (4)

Remata agosto e dá medo o estigma social que te converte nunha persoa apestada, mellor que non che fagan probas, se se sabe, vas apañada. A insolidaridade é a traxedia da que non se fala. Nunha vella versión cinematográfica de Romeu e Xulieta o mensaxeiro que leva a carta ao mozo namorado, é atrapado e fechado nunha casa coas portas seladas. Era moi pequena cando vin o filme e non esquecín aquelas táboas que trataban de impedir o andazo da Yersinia pestis que, en realidade, foron as causantes da traxedia final. Este medo pode provocar moitas traxedias e neste panorama de incertezas comezan as aulas e moi pouco é o que sabemos nais, profesorado e rapazada. Non se trata de vaticinar o futuro, trátase de traballar para el, de investir. Ninguén di que sexa fácil, mais sabemos o elemental: menos alumnado nas aulas e máis profesorado.

O espazo hai que procuralo construíndo, reconstruíndo e adaptando edificios. O profesorado está aí formado e agardando para traballar, gran parte coa ilusión da primeira vez. A casa afástanos do mundo, sela as portas do aprender compartido. Desexamos a educación que nos aprende tamén solidaridade e as razóns de coidar e nos coidar. Esiximos seguridade e aprendermos coa premisa de que a saúde é o primeiro. Alumnado e profesorado non son ratiñas de laboratorio, as familias tampouco. Moito se perdeu sen aprender a aprender en comunidade e hai unha parte da nosa identidade que ficou reducida á mínima expresión, ficou fóra de moitas vidas, realmente confinada, a lingua galega.

Moitos nenos e nenas, mozos e mozas só falan ocasionalmente e escoitan galego nos seus centros de ensino, moitas só na materia de lingua galega, outras teñen a fortuna de recibiren explicacións e coñecementos doutras disciplinas nesta lingua. Algo era algo, agora o galego en vías de normalización, sen aulas, está máis en perigo ca nunca e sofre as consecuencias da Covid-19; a virus máis agresiva coas persoas menos favorecidadas economicamente, tamén o é coas linguas ameazadas e en perigo. O galego féchase na casa, na familia, se a ten, ou na ritualidade duns medios publicos RTVG polos que seguimos poñéndonos de negro cada venres. É indignante escoitarmos unha locutora nos informativos da Radio Galega dicindo o Inicio no canto do Incio.

Quero dirixirme ás familias para que decidan legarlle aos seus fillos e fillas a lingua galega, que a transmitan. Moitos e moitas terán que recuperar a lingua que pais e nais, avós a avoas, falaban e non lles falaron. Pídolles que formen parte dunha cadea de transmisión, dun legado que está no país que trepamos, desde o Incio até Camposancos, desde Hermisende até A Veiga, que viaxa nas augas de todos os ríos. Trátase tamén de recuperarmos o amor do que nos vén en herdanza pola terra en que asentamos. Este agosto de gozar do máis próximo, de volver aos regueiros da infancia, deume a sorte de coñecer na aldea a María, a filla de Rosa e Basilio do Pouso, escoitar o seu galego de Mosende marabilloso, como lles fala ás fillas Lía e Xiana, fíxome soñar cun futuro precioso. Para elas e para Inaya, Nelson, Gael e Roi, deséxolles esa escola que precisan, tamén en galego. María, contigo o galego terá máis primaveras.

comentarios