Opinión

Agosto (3)

Agosto tamén é memoria comunal dunha historia cruel desde que en xullo de 1936 o mundo  esnaquizou. Sei dunha tenda, tasca e casa de comidas onde a vida tomaba o seu rumbo ás cinco da mañá e un día instaluse para sempre o silencio da pesa e se detivo o xantar. Sei desta casa da miña bisavoa Matilde e coñezo a historia que levamos as súas descendentes no peito pola boca da miña avoa Isolina e polas primas Piña, Rita e Loliña. Historias verdadeiras, herdanzas gardadas en amor, que pertencen á Historia con maiúscula que nunca figura nos Anais escritos polos Tácitos de turno. Imaxes gardadas en amor para testemuñar o xenocidio contra a liberdade, igualdade e fraternidade; delas nada sabiamos; delas desexo escribir. Elas impactan. Moitas percorreron as redes estes días, é xusto sabermos, cando é así, como chegan a nós. Nunha imaxe unha muller abraza unha árbore, noutra un pano aberto contén as cascas dun piñeiro. A muller é Cinta Rey, a nai de Vítor Casas, o director de A Nosa Terra, fusilado o 12 de novembro de 1936. O pano pertenceu á Amalia Álvarez Gallego, viúva de Alexandre Bóveda, figura fundamental do Partido Galeguista, fusilado o 17 de agosto de 1936. Da primeira cando se fai pública,“A foto da Caeira”, fálanos X. E. Acuña nun artigo publicado en A Nosa Terra (14/11/2000), a historia de amor gardada chegáralle da man de Victor Casas, fillo do mártir. A segunda publícase por vez primeira no libro Alexandre Bóveda. Na historia do nacionalismo galego (2003), da autoría de Acuña. O pano de Amalia gardado e herdado pola familia, foi descuberto polo investigador, na valixa de Alexandre Bóveda que abriu para el o seu fillo Xosé Luís. É neste libro onde a sensibilidade do seu autor establece o diálogo entre as dúas imaxes e onde nos revela que a viúva que esperaba unha filla, Amalia Bóveda, cando lle fusilaron o home, e que gardou para a familia e tamén para nós a (súa-nosa) vida esnaquizada nas cascas da árbore da Caeira, é a autora da fotografía de Cinta Rey abrazando o seu piñeiro-fillo, a nai que tanto loitou por salvar a vida do fillo preso en San Simón. Outras imaxes que impactan podemos encontralas no catálogo da  exposición Memorial da liberdade. Represión e resistencia en Galiza 1936-1977 (2006), da que foi comisario o antedito investigador. Para a nosa memoria fican fotografías, probas, denuncias desde o espolio até a violencia máis terríbel, velaí a imaxe da incautación do gando ou o rosto dos vellos obrigados á misa en San Simón. En Tres tempos e a esperanza de Mariví Villaverde (A Nosa Terra, 2002) é cando vemos por primeira vez á tía Carme, rapada e coas letras UHP marcadas na súa fronte, imaxe que gardou a lealdade das súas sobriñas Rosina e Mariví. Acuña sabía do valor real desta fotografía que descubriu nos papeis de Vilagarcia, memoria de todo o acontecido ao redor da familia Villaverde-Otero, proba da represión contra as mulleres. Á tenda, tasca e casa de comidas regresou morta en vida a tía Angelita e con ela o retrato  do seu home, Fernando Martínez Freiria, realizado poucas horas antes do seu fusilamento por Benito Prieto Coussent nun dos moitos lugares-cárceres de Tui. Obrigada a quen retratou, gardou e nos legou memoria e dignidade de pobo.

Comentarios