Opinión

Agosto (2)

Cando era pequena pensaba que a miña tía Julita picaba cebola para poder chorar sen ter que dar explicacións. A miña amiga Belen vía o filme Memorias de África cando quería chorar; eu tamén podo facelo, ademais das paisaxes de Kenia, da historia, teño moitas razóns persoais para emocionarme con todo o que teña que ver con Karen Blixen. Miña tía choraba e choraba picando a cebola para o salpicón, a comida por excelencia do verán na familia. Eu asistía a ese chorar en silencio, case sen respirar, penso que algunha vez me mandara calar e aprendín a lección dese respecto polo rito que nacía entre as dúas. Comprobaba como os ollos se lle enchían de auga e pouco a pouco as lágrimas lle esvaraban pola cara e chegaban a caer no carreiro do seu escote; na melodía do coitelo contra a táboa de madeira debían morrer as súas penas e os seus enfados. Non sei se certo ou non, creo lembrar algún salaio, o que si aseguro son as dúas palabras finais: Xa está. Este agosto cortei moita cebola para facer salsa de tomate e tamén chorei moito, con esa necesidade de botar fóra todo o que choraba por dentro, como tamén fai Belen coa imaxe dun león no solpor. Lembrei a última vez e a única que vin chorar miña tía sen cebola, hai agora oito anos, cando morreu meu pai, adiantouselle, ela viviría tres máis. Neste agosto de gozar na casa familiar, de entrar nas historias que agochan as fotografías e que nos levan sempre ao último agosto que pasamos coas persoas que xa non están, na aldea onde volvo ser sempre rapariga, confeso que non consigo illar o mes, confinalo, poñelo a salvo da Covid-19 e dos efectos do bater das ás dunha sinxela bolboreta. Están aí as cifras de contaxios que aumentan día a día, as persoas irresponsábeis que van Corredoura arriba, Corredoura abaixo, sen máscara, asoballando co dereito de ser descendencia da descendencia da familia dalgunha das casas abandonadas que caerán na cidade para encheren de furados o pasado. Contaxios que volven ser prioridade médica, que impiden atender a prevención e outras doenzas. Volve tamén a ameaza e o medo ao fogo no monte e a estratexia de enchermos pilóns e termos mangueiras sempre a man e cos nosos lumes chegan as imaxes negadas por Bolsonaro da Amazónia en chamas, ausentes das novas dos xornais. Políticas dun capitalismo esmagante que mata paisaxes e pobos. Racismo que mata tamén en Portugal no corpo cheo de superacións do actor Bruno Candé, asasinado polo combatente na guerra colonial de Angola, Evaristo Marinho; racismo que obriga a saír a rúa, aquí tan preto, ausente nas noticias. Indigna este nazismo que percorre Europa como indignan as viaxes en paradeiro descoñecido do rei incuestionábel da nada, a súa seguridade que pagamos e o xulgamento que nunca vai chegar. Agosto mes de tantas mortes a partir do 36 que tampouco saen no telexornal. Trinta botes de salsa de tomate e sete salpicóns precisan de moita cebola que cortar, dan para chorar de indignación e tamén de pena, para botar algo máis que un salaio e que nos sigan a crecer as ganas de loitar, de non calar, de botalo todo fóra con palabras. Moito traballo lle imos dar a Audiencia Nacional e xa está.

Comentarios