Opinión

A(s) distancia(s)

Levamos xa máis dun ano de novas distancias, mudando distancias. Máis dun ano desde que a primavera chegaba no ar e entraba polas fiestras, desde que con sorte acurtabamos a distancia coa paisaxe de fóra, o tempo fechado en nós fechadas permitía contemplarmos a paisaxe, vivirmos a nosa contorna, pola que antes transitaramos coa inconsciencia coa que se nos van cosendo os días na pel. Desde hai un ano o mundo semella estar na palma da man.

Descubrimos as cousas pequenas que nos mantiñan con vida, mentres a vida se contaba en números nos telexornais ou na radio, como quen cantaba a lotaría. Sorte de quen tiña fiestra.

A máscara marcou distancias, distorceu a voz. Chegou para ficar, roubounos o sorriso, ocultou moitos dicires e quereres.  Impactou volver ás aulas con máscara, cansa cada esforzo das palabras por saír, por furar ese novo muro de contención. Doía aquela calma desacougada do alumnado, todo menos apracíbel. Colocados en liña, con lugares marcados, coa distancia medida, nada podía pasar o límite. Había como un aquel de tristeza que non marchaba entre limpar e desinfectar mesa, cadeira e lugar. Agora si que vivimos, crecemos e aprendemos na medida da distancia, no novo concepto do límite, palpábel e dolorosamente real. E aínda así hai miragres, xa que o alumnado aprendeu a sorrir, con destreza, o sorriso debúxase nos seus ollos, como se nos afixésemos a todo e puidesemos con todo.

As riolas de persoas forman parte da paisaxe. Fileiras hai moitas para acceder a un lugar, para ir acurtando a distancia de recibir, por exemplo, alimentos.

Ringleiras para reclamar, para a queixa, non hai. Existe o teléfono cunha voz medianamente humana que che indica como chegar ao número certo onde se pode tratar o teu caso, entón aparecerá do outro lado, a voz desa persoa que resolverá ou non o teu asunto e á que ti terás que avaliar cando todo remate, marcando do cero ao dez, para indicar o teu grao de satisfacción. Por teléfono tamén te atenden se tes un problema de saúde, e entre ti e o médico ou a médica de familia establécese unha distancia enorme, non se pode medir esa distancia con dor ou con medo, non todo se pode tratar polo método do teléfono da esperanza. Para reclamar e arranxar papeis existe o ordenador, o mundo online, que che lembra que a túa vida que se abre coa chave 365 é cada vez máis virtual. Mentres con distancia unha rea de persoas camiña para a vacina, para seguir cosendo días.

A distancia impide manifestacións, concentracións, protestas, desactívanos como sociedade. Non nos enganemos mentres lanzamos berros polas redes sociais, mentres o que dicimos recibe grande aprobación, cos egos non se traballa por unha sociedade mellor. Desde a distancia asistimos máis ou menos silentes a unha nova sociedade do espectáculo que toma a palabra liberdade en van, que nos di que hai un xeito de vivir á madrileña, que en Europa non se entende. Desde a distancia, como se non fose connosco, observamos como as palabras se visten de fanáticas roupaxes. Desde a distancia andamos ao noso, xente que polo menos está viva, mentres nos rouban a palabra liberdade. Desde a distancia recitei en Nova York e eu nunca estiven en Nova York.

Comentarios