Opinión

A inmortal Vetusta

Cando visitei Uviéu a mediados dos oitenta andaba no ar un tufo clerical pegañento, simbolizado naquela cruz dos caídos pola patria que me sinalou o máis parecido a un coéngo que saía da catedral que non se asemellaba en nada ao don Fermín de Pas que eu imaxinara na descrición de Clarín; así e todo, na cidade era capaz de sentir a atmosfera decimonónica de Vetusta, como se a Revolución de Outubro, a Comuna Asturiana, ficasen demasiado lonxe do seu espazo, como se a cidade seguise a ser a da Regenta e sempre estivese situada nun Principado.

Non había nada en común coa vida que descubrín desde L' Entregu pola cunca do Nalón, sidrina vai, sidrina vén; tampouco nada co Vigo dos oitenta onde se dinamitara a naftalina. Daquela Uviéu seguía sen querer saber nada de Clarín, nunca lle perdoou que a retratase como Vetusta, malia estar soterrado no cemiterio da cidade, malia en 1968 volver restituír no seu lugar o monumento de 1931 aldraxado e destruído o seu busto en 1936. Lembreime hoxe de Clarín, cando os deputados do PP de Vetusta, descendentes das familias retratadas polo escritor, negan a súa declaración de Fillo Adoptivo da cidade.

O PP fronte os votos do PSOE, Somos Oviedo, Ciudadanos e o da concelleira de VOX, quen presentou a iniciativa. Trece contra 13 e desempata o do Alcalde do PP. Que manobras extrordinarias se dan en épocas electorais!

La Regenta que figura entre as grandes obras e nos programas de estudos, tardou en circular por "Oviedo", silenciada no franquismo. Á dura represión sufrida polo rector da Universidade da cidade,  Leopoldo Alas Argüelles, fillo do escritor, que rematou co seu fusilamento en febreiro de 1937, pola súa condición de militante de Izquierda Republicana, sumouse sen dúbida, o odio que socialmente sufría o seu apelido, que alcanzou á súa esposa Cristina Rodríguez Velasco, mestra depurada e privada da súa casa. Aínda no 2002 a tumba do escritor foi atacada.

A última vez que estiven en Uviéu foi para realizar un roteiro sobre La Regenta, teño un retrato coa estatua de Ana Ozores que está desde 1997 na praza da Catedral, vence ao autor. Non a matou aquel bico de Sapo. Nesa visita descubrín  que a rúa que levaba o nome da lúa, agora se chamaba Dolores Medio, esa escritora da que nunca me falaran na universidade e que me descubrira a propietaria da editorial La Letra Azul, Ángeles Caso, quen en 1917 (re)editou a obra que en 1952 recibiu o Premio Nadal, Nosotros, los Rivero.

Caso editou o texto orixinal que se atopaba no Arquivo Xeral de Alcalá de Henares, que manexou a censura; acompañan a publicación os informes dos censores, da correspondencia entre censor e autora, un prólogo en que se explica a historia do libro e quen foi Dolores Medio, a descoñecida que non estaba para recibir o premio. A súa era a historia dunha mestra republicana que quería ser escritora e que o conseguiu.

Escribiu desde a súa precariedade, contra o machismo da época e defendeu a publicación do libro. Algúns dos argumentos da censura lembran os utilizados por algún crítico actual cando se achega ás obras de escritoras. A novela narra a infancia e mocidade de Lena Rivero, entre 1924 e 1934, a Revolución de Outubro.

Nosotros, los Rivero, comeza dicindo que Oviedo é unha cidade durmida e está dedicada á inmortal Vetusta.

Comentarios