Opinión

A Fontiña d'A Capela

Houbo un tempo que dar coa lingua de nós escrita era atopar unha rareza, que só se encontraba por azar. Lembro que aquel 1974, na media hora que tiñamos destinada ao recreo, fumos, unhas atrás doutros e viceversa, abandonando o lugar destinado aos xogos, para nos adentrar na ribeira do Louro. Alí dous rapaces máis grandes ca min trataban de cavar coas mans diante dunha pedra. Nós máis pequenas non entendiamos nada, nin do que se dicía ao redor, naquela concentración espontánea, un pouco lonxe de onde teriamos que estar. Semellaba que nin mestres, nin mestras, notaran a nosa ausencia.

Non a notaron nin ese día, nin o seguinte, nin tres máis que viñeron despois. Eramos rapazada de EXB e moviamonos con máis soidade para aprender, tiñamos que nos valer. No segundo día os dous mozos xa levaban cadaseu legón, o buraco era maior, moito máis grande tres días despois, non atopaban nada e cavaban e cavaban e dous montes de terra tamén se facían máis grandes a cada lado dos mozos cavadores, que terían uns catorce anos. Eu non sabía o que querían procurar, andaba o conto de que o lugar era unha tumba.

O último día que alí estiven conseguín chegar diante de todo. Cansaron unha semana despois e nosoutras con eles. Disque os mandaron chamar e que lle dixeron que alí non había nada. Non era certo, na pedra fixérase un traballo, labráranse catro palabras, catro palabras perdidas na ribeira do Louro: Aquí morreu noso irmán. As primeiras catro palabras que vira na lingua polo mundo.

A tía Julita aprendéranos o Padre nuestro pequeniño ao meu irmán e mais a min, unha das veces en que durmimos con ela. Aquelas noites eran unha festa e aquilo máis que rezar era cantar ou contar un conto. Encantábame aquilo de “alá fun, alá cheghei”. A lingua, nos relatos e nas cancións, entrábanos como entraba a retranca “polo buraquiño que tiña o mandil”. Miña tía escachou coa risa coa historia da tumba da ribeira. Soubemos que moita xente sinalaba o lugar onde os seres queridos lle morrían cando non se tiña por morte natural. Non sei que foi da pedra, nin tan sequera se quedou debaixo do cemento das edificacións que se fixeron por Torneiros, no Porriño. Agora cada vez que vexo cruces e flores nas beiras das estradas lembro o irmán descoñecido.

Hai uns días encontrei na sección dedicada a “aspectos de la ciudad”, escrita por Belarmo, en El Pueblo Gallego” (24-04-1962), a nova sobre A Fontiña d'a Capela, que encontrou, tamén por azar, preto de Zamáns, estrada adiante cara Gondomar ou Tui, segundo indica. Non chama a súa atención,  a auga que deita a fonte, clara e seica medicinal, como lle indica un vello; el repara na pedra escrita en galego “enxebre” que na parte superior da fonte mandou colocar un cura disque de por alí. Quen encontrou o tesouro, transcribe:

“Abdicada a Fontiña da Capela de San Cibrán./ Eiquí abaixo e ha fonte de San Cibrán. /
Beb'auga meu Romeiro,/ traspuxecho luceiro/ moi de mañán/ e ves canseiro./ 
Bebe bebe d'est'auga,/ carabeliño./ Algunha virtú diviña/ a fonte ten./ Dio toda galeguiña/ que eiquí ven./
I a verdá é/ que o sangue iauga/ déronlla Fe./ Iesa doce fontenla/ de tan escura virtú,/ borborexada Costela/  do nos humilde Xesu.
En rememoranza- 20 - septiembre -1959

Querería saber da Fonte de San Cibrán,  se segue deitando auga, se segue mantendo a lingua. Dous bens necesarios para a vida.

Comentarios