martes 21.01.2020

Songoku xa non fala galego

Nen as tartarugas Ninja, nen Shin Chan, nen Harry Potter, nen... para o 2020 calquera posibilidade de velos en galego, en versión dobrada ou lexendada se non o remediarmos a tempo.

Chegando xa ao primeiro quinto do século XXI, todas as vantaxes e facilidades tecnolóxicas dispoñíbeis na televisión dixital están vetadas para o galego.

Restrinxida á TVG, a oferta de contidos en galego é hoxe moitísimo menor á de 1986, cando nacía a canle pública. Un estudo da Mesa pola Normalización Lingüística indica que a programación infantil en galego só chega a 4,6% da grella de segunda a sexta feira, baixando a 2,7% na fin de semana.

A posibilidade de vermos na televisión series ou filmes lexendados ou dobrados podería existir para o galego, mais só é realidade noutras linguas. Para o galego non hai opción. Non a hai en TVE, pagada tamén cos impostos de galegas e galegos incluídos nos 2.000 millóns anuais que non retornan a Galiza. Tamén non é opción nas canles privadas nen por suposto, nas plataformas dixitais como Movistar +, Netflix ou HBO. Porén, o pior de todo é que o propio goberno de Galiza, o que ao respecto ten obrigas morais, mais tamén as legais fixadas no estatuto (art. 5) ou na LNL (art. 20.1) non dá opción para garantirnos nen a mínima liberdade de escoller o noso idioma na intimidade do lar.

Por que o galego non está? Simplesmente porque non hai a máis mínima vontade.

Se a houbese, xa terían encontrado algunha fórmula e chegado a algún acordo para que as versións dobradas de todos os filmes e series xa emitidos pola TVG estean a disposición de todas as plataformas dixitais. Se Harry Potter (por pór un exemplo) está dobrado ao galego, que impide un acordo con outras canles para a poderen ofertar tamén en galego? Se Songoku falou sempre galego, a que vén negarllo noutras canles?

A esta reinvindicación dos actores e actrices de dobraxe de Apradoga a Xunta só resposta reducindo a execución de orzamento para dobraxe.

A mesma ausencia temos na lexendaxe cun custo escandalosamente reducido como altas son as posibilidades de dispormos del se houber un mínimo interese.

Mentres o galego está desaparecido si temos a posibilidade de vermos series e filmes lexendados a éuscaro e catalán na plataforma Movistar+ desde 2015. O custo total de 369.332 € está repartido a medias entre a plataforma dixital e cada goberno interesado en garantir a presenza da súa lingua. Exactamente cada un dos gobernos achegou 21.250 € en 2014, 85.000 € en 2015 e 85.000 € en 2016. Unha media de 61.500 € anuais.

Mediante este acordo Movistar+ realiza todas as xestións e a disposición de medios para a criación e tradución de lexendaxe, reservándose a opción de emitilos en primeiro lugar no primeiro ano. Tras ese período os gobernos poden dispor deles en plena propiedade e pólos a disposición para a súa distribución ou explotación por outras canles, polo que non tardaremos en ver lexendas en vasco e catalán en Netflix ou HBO.

En xuño de 2018 a plataforma dixital dirixiuse á Mesa mostrando a súa vontade de oferecer galego en todos os seus produtos audiovisuais.

A demanda de lexendaxe para ver filmes en versión orixinal crece e o galego vetado por 61.500 €. O prezo que a Xunta se nega a desembolsar para comezar a tirar o galego da exclusión no audiovisual.

61.500 € ao ano é pouco menos do que custa manter no cargo de Director xeral de Políticas culturais ao autor do decreto contra o galego, mal chamado de plurilingüismo. Canto melloraría o acceso a outras linguas desde o galego se os 63.000 anuais que cobra se investisen en lexendado!

Estamos a tempo de mudalo e abrir un novo espazo para a nosa lingua. Ese é o obxectivo da campaña que iniciaron a Mesa pola Normalización Lingüística, A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e a Asociación Profesional de Actores e Actrices da Dobraxe de Galiza. Participemos nela asinando, distribuíndo, partillando.

Songoku xa non fala galego
comentarios