xoves 13/08/20

Racismo contra o galego. Perseverarmos, insistirmos, activármonos

O Ministerio para a transición ecolóxica, a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) vén de denegar unha axuda de 900 mil euros ao concello de San Xoán de Río para renovar o alumeado público. O motivo é que un dos certificados achegados estaba en galego. Nada novo. A mesma axuda fora denegada en 2016 aos Concellos de Santiago, Santa Comba e Teo cos mesmos argumentos.

Non considerou o IDAE a importancia de mellorar a eficiencia enerxética, reducir o gasto eléctrico ou os efectos en diversas formas de contaminación da má calidade do alumeado. Nada diso ten importancia porque o prioritario é que os concellos non usen o galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais (que así se denomina a lei 5/1988 de 21 de xuño). Antes que acabar co cambio climático está acabar co galego.

No mesmo mes de xaneiro, unha pediatra pretendeu obrigar un meniño de 7 anos a se dirixir a ela en castelán. A nai terminou por interceder perante a pediatra exercendo como tradutora dun cativo nervoso, con 39 graos de febre e unha intensa dor de barriga.

Non importou nada o dereito de galegas e galegos a empregarmos a nosa lingua nun servizo público autonómico de primeira necesidade, nunha cidade galega. Non importou a idade nen a indefensión dunha crianza polo seu estado de saúde ou por non contar con mecanismos de protección para arreporse contra a arbitrariedade. E se non importou o máis básico tamén non o fixo o dereito a ser atendido, diagnosticado e tratado, nen nengún código hipocrático. Antes de pór remedio ao sufrimento dun doente, está pór remedio a que nalgunha cidade aínda haxa crianzas que falen galego.

Non pedimos para galegas e galegos máis dereito que ninguén ao emprego da súa lingua no seu país. O que queremos é moito máis simples. Non ter menos. Que non sexa a administración pública, a que debe servir á cidadanía, a primeira que nos retire esa condición ao usarmos o noso idioma. Que non sexa o tan nomeado Estado de dereito o que non negue o máis elementar dereito xa non de cidadanía, senón de humanidade.

Por negar, até se nos nega o dereito a defendérmonos en igualdade de condicións. O único servizo público e gratuíto para asesorármonos, queixármonos, denunciarmos, tornar a frustración en solucións e firmeza, é A Liña do Galego que só conta cunha pequena axuda da Deputación da Coruña e que é sostida fundamentalmente coas achegas das socias e socios da Mesa pola Normalización Lingüística. Non hai nengún outra servizo semellante oferecido por unha Xunta de Galiza que está obrigada polo artigo 5 do estatuto.

Estas prácticas, máis habituais do que denunciadas, avaladas polo BOE ou o DOG, son un atentado á nosa dignidade individual e colectiva como pobo galego. Discriminacións e coaccións baseadas nunha concepción racista que entende que só unha merece existir en todas as funcións que a fan útil e actúa para inutilizar as demais pola forza dos feitos.

O que para calquera lingua oficial é tan normal, natural e espontáneo como respirar e vivir, para o galego non o é tanto. Se pensarmos todas e cada unha das dificuldades para a práctica e recepción do galego en Galiza, sorprende que, con todo, o galego exista e sexamos miles as persoas que actuamos día a día para que medre, se recupere, e regrese á normalidade.

Se hai unha lingua no Estado que só pode sobrevivir con perseveranza, insistencia e  activismo é a nosa. É unha condición que non se impón a ninguén para o castelán. Para facelo colectivamente está a Mesa pola Normalización Lingüística que precisa máis mans, máis socias e socios. Con todos estes elementos conseguimos hai uns días que unha multinacional como a Ikea deixase de excluír a opción en galego do seu catálogo na internet. Precisamos para facelo miles de días de envío de reclamacións por correo postal, electrónico, redes sociais... Mesmo que un grupo de persoas usuarias montasen unha campaña de recollida de sinaturas ou que a Mesa organizase unha concentración dentro do seu local comercial na Coruña. E aínda así mantense a exclusión do galego noutros servizos da mesma empresa e en moitos outros de empresas de telefonía móbil, banca, comercio... Galegas e galegos só nos temos a nós para mudar as cousas. Insistamos.

Racismo contra o galego. Perseverarmos, insistirmos, activármonos
comentarios