Opinión

Medrar en galego

O 21 de febreiro celebrouse o Día internacional da lingua propia (materna na denominación da UNESCO que, aínda deixando clara a intención de promover as linguas minorizadas e a importancia da transmisión interxeneracional, resulta un termo confuso por obviar que as linguas son feitos sociais que se desenvolven en sociedades e realidades concretas e que, por tanto, traspasan as relacións familiares e moito máis as maternofiliais). Asistimos en tal día á celebración da efeméride sen que os festexos obriguen a nada máis que aos propios festexos. Ningunha mención oficial a cal é a situación da transmisión do galego, de que facer para reparala ou as obrigas e garantías que os poderes públicos deben dar ao respecto.

Que fan os poderes públicos, ademais de (auto)homenaxes e celebracións rituais, para fortaleceren a transmisión da lingua galega e contribuír ao aumento do uso social?

Segundo as estatísticas publicadas polo IGE, ben mais fiábeis que os do instituto homólogo español, en 2018 o 31,83% das nais e pais menores de 49 anos empregaban o galego para se dirixiren ás súas crianzas fronte ao 29,43% de 2013. Xunto co aumento de persoas que declaran o uso habitual do galego na escrita (do 14,52% de 2003, ao 16,64% de 2018) son os únicos datos que melloran para o galego. Indican que a pesar do retroceso no uso da lingua propia de Galiza en todos os ámbitos, aumenta lentamente a consciencia social e a vontade de reparar a situación. Porén, a fraxilidade destes datos esperanzadores é observábel nas variacións da secuencia de datos, que non permiten sinalar aínda unha tendencia positiva, e no contexto hostil de hexemonía do español ao que se enfrontan nais, pais e moi especialmente a infancia e a mocidade, en franxas de idade onde a incapacidade para falar galego atinxe ao 24%.

Que fan os poderes públicos, ademais de (auto)homenaxes e celebracións rituais, para fortaleceren a transmisión da lingua galega e contribuír ao aumento do uso social? Exclusión do galego das aulas até o extremo de consentiren o incumprimento do decreto contra o galego sempre que for (aínda máis) en detrimento da lingua propia; exclusión na inmensa maioría das actividades extraescolares; exclusión do galego da maioría das plataformas audiovisuais, mesmo das públicas; exclusión do galego dos xogos e xoguetes. Con esta realidade, onde se garante a posibilidade de vivir en galego mesmo no ámbito familiar? O esforzo de pais e nais para garantiren a transmisión do idioma propio de Galiza atópase coa barreira da realidade imposta: a oferta e presenza do galego é anecdótica para a poboación infantil e xuvenil. Ula liberdade?

Non nos resignamos. Este fin de semana en Allariz decorrerán por primeira vez as xornadas Medrar en galego, organizadas pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Allariz, a Deputación de Ourense, Espazo Ben Común e ANPAS Galegas. Sabendo que non hai solucións máxicas enfrontaremos a realidade para tentar transformala e dar pasos cara á normalización do idioma galego. Na procura de ferramentas para o facer partillaremos experiencias, falaremos das dificuldades, das situacións comprometidas, das contradicións e dos problemas que nos encontramos día a día para transmitir a nosa lingua ás nosas fillas e fillos. Teremos tamén tempo e espazo para o lecer das crianzas, para gozarmos das posibilidades que oferece unha vila como Allariz a través dos xogos, obradoiros, actividades, música e da feira na que as empresas máis responsábeis co idioma, participantes do proxecto da Mesa, Abertos ao galego, exporán os seu produtos.

Comentarios