Opinión

Á lusofonía inutilizando o galego?

Cada certo tempo ouvimos o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e outros responsábeis da súa Administración, enunciaren unha suposta vontade de estreitamento de ligazóns de cooperación co espazo lingüístico que partillamos co portugués. Na última ocasión, o pasado 17 de maio, o presidente da Xunta asinaba un artigo en diferentes xornais, no que se destacaba respecto de Carvalho Calero, como “axudou a facernos entender a importancia de non romper os vencellos coa lusofonía”. Mágoa que o autor do artigo non reparase en leccións do profesor ferrolán como “o galego para viver debe sobreviver”, que “a língua galega ten que ser a língua normal dos galegos” ou que “unha língua non pode perpetuar-se se non se exercita”.

Afirmacións como as mencionadas non deberan chamar moito a atención mesmo por seren de pura lóxica e a consecuencia inmediata dunha política lingüística que procurase realmente a normalización do galego. Porén, visto expediente apresentado após unha década de goberno, con mostras de desprezo explícitas para Galiza e o galego, só podemos engadilo á ben coñecida e ampla relación de exercicios de cinismo. 

O galego é a lingua propia da Galiza. Co nome de portugués é coñecida a variante propia de Portugal onde goza de toda a oficialidade e amparo dun Estado. Ademais é lingua oficial e hexemónica de Estados como o Brasil, Mozambique ou a Angola.

Porén, na Galiza, o galego é cooficial, o que na interpretación fornecida por órganos de tanta relevancia como o TC ou TSXG, quer dicer que só pode acompañar o español e sempre que non sexa cuestionado como lingua superior a todos os efectos. Após case 40 anos de autonomía, o uso normal do idioma da Galiza continúa obstaculizado ou impedido, a presenza vetada, a oferta restrinxida para inviabilizar a demanda. Na Galiza segue a ser imposíbel abrir unha conta bancaria en galego, pagar determinados impostos, a seguranza social, receber atención no noso idioma en organismos públicos ou empresas privadas, ou un ensino que atenda as nosas necesidades como pobo, inseparábeis da lingua. Non acontece o mesmo en calquera dos outros territorios do noso idioma. Falen como falaren, escreban como escreberen, tendo ou non asumido acordos ortográficos.

Son os limites impostos por un marco estatal que ten o seu correlato na hexemonía do español a nível legal, institucional, nas relacións de poder, sociais, económicas, políticas, culturais que subordinan e secundarizan Galiza e o galego, e que actúa tamén sobre a férrea alfándega entre ambas as beiras do Miño onde aínda se impoñen aranceis á circulación ampla e natural nas dúas direccións de libros, filmes, series, teatro, música, radio ou televisión, ou se impón veto para o acceso a axudas públicas a quen empregar unha ortografía fóra dos limites da Real Academia Galega. Se quixeren estreitar ligazóns poden comezar por garantir todo tipo de intercambios. Sen renunciarmos a nada tiraríamos proveito como pobo na recuperación da lingua danada pola presión do español. Mais para iso cómpre algo máis que palabras baleiras.

Non é que os limites fixados polo Estado español fosen cuestionados desde as institucións galegas ou se tivese avanzado para o máximo permitido como si fixeron outros gobernos autonómicos, é que só houbo submisión e completa participación. En corenta anos, na Galiza, tivemos, como moito, coidados paliativos cando o que precisamos para a lingua é o máis básico oxíxeno. Ségueselle a negar ao galego a máis elemental posibilidade de rehabilitación e dáselle, de facto, o tratamento de lingua extranxeira ao que se suma o desprezo racista que a considera inútil.

Poderían explicar os altos responsábeis da Xunta que utilidade pode ter fóra o inutilizado dentro? Polo de agora, como galegos, non temos acceso aos servizos esenciais dentro da legalidade brasileira ou portuguesa. Só na española que nega o dereito á atención en galego. É na Galiza onde queremos viver en galego.

A que se estará a referir Núñez Feixoo cando fala de non romper os vencellos coa lusofonía? El, que demitiu activamente e renunciou a todo o que ten a ver coa normalización do noso idioma, coa súa restitución, co seu desenvolvemento no seu país, á posibilidade de gozar dos mesmos dereitos e deberes, do mesmo acceso directo, sen intermediacións e sen tutelas que ten garantido o portugués en Portugal. Sen uso e disposición do galego en todo e para todo, onde fica a lingua coa que achegármonos a ninguén? Que relación de igualdade baseada na lingua pode estabelecer quen anda a patadas con ela?

Comentarios