Opinión

Iniciativa Xabarín. Segunda parte

Dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés. Pola contra, só 25 están en versión orixinal galega e cero contan con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. Pode resistir un idioma nestas condicións?

Este é un dos motivos polos que o pasado mes de maio o Parlamento galego aprobada por unanimidade a Iniciativa Xabarín que, ademais dunha canle infantil e xuvenil TVG para todo tipo de dispositivos -que se concretará no próximo ano para as televisións intelixentes-, contemplaba o inicio de todas as accións precisas para garantir a presenza do noso idioma en todos os contidos audiovisuais. Neste sentido, ademais de promover os acordos da Xunta coas produtoras e distribuidoras de contidos, a Iniciativa Xabarín instaba á “Lei xeral de comunicación audiovisual recoñecer a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe, e audiodescricións nas canles e plataformas lineais ou baixo demanda”.

Acordo unánime do Parlamento (o primeiro en 17 anos respecto da lingua). Amplo apoio social manifestado por mais de 33.000 sinaturas certificadas. Compromiso das principais organizacións do ensino, dos movementos de renovación pedagóxica, das asociacións de nais e pais, de colectivos de actrices e actores, do sector audiovisual. Falta a vontade do goberno español en asegurar para o galego o mesmo que xa asegura para o español. 

O pasado 10 de xullo, facendo notar o apoio de máis de 33.000 sinaturas e o acordo unánime do Parlamento galego, A Mesa pola Normalización Lingüística enviaba as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, para a modificación do anteproxecto de lei no seguinte sentido:

1. Recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico 

2. Estabelecemento de porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais 

3. Incorporación do galego e as outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxe e Audiodescricións nos mesmos contidos que o castelán 

4. Estabelecemento de porcentaxe idéntica ao castelán, en galego e nas outras linguas cooficiais no deber de financiamento antecipado da obra audiovisual europea

5. Consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito. 

6. Que webs e outras interfaces de comunicación dixital incorporen as linguas cooficiais.

7. Asegurar a reciprocidade con Portugal a través do estabelecimento de dúas novas canles múltiplex para Galiza

En relación á demanda de dobraxe e lexendaxe por parte de TVE, tamén incluída na Iniciativa Xabarín, a Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse xa en tres ocasións -e as tres sen resposta- tanto á anterior directora Xeral de RTVE, Rosa Mª Mateo, como ao actual, José Manuel Pérez Tornero, para informalos do desenvolvemento da campaña da iniciativa Xabarín e solicitar un encontro onde concretar a proposta da Mesa e do Parlamento galego, aproveitando ademais que se fan 50 anos da delegación de TVE en Galiza. O desprezo pola maior organización non gubernamental de defensa do galego, por todos os colectivos apoiantes e, sobre todo, polas máis de  33.000 persoas asinantes da iniciativa é o que mostran por Galiza que non merece máis tempo que os 39 minutos sobre 120 horas diarias que emite TVE no noso idioma.

Comezamos a segunda fase da Iniciativa Xabarín para levantar de vez o bloqueo á presenza do galego no audiovisual. Como país non podemos perder esta oportunidade que, ademais, tería un beneficio directo na economía galega, nomeadamente no sector cultural.  

Queremos galego no audiovisual e precisamos, como na canción de Berlai, que nos devolvan o heroes e a heroínas que falan como nós. Vannos ter que escoitar. Faremos boa esta segunda parte.

Comentarios