Opinión

Conciencia e respecto para recuperarmos o idioma

Usar o noso idioma no noso país é un dereito que deberiamos poder exercer, non por sermos galegos, senón, simplemente, por humanos que, coma todos, teñen lingua de seu. Porén, na redacción da Constitución Española non tiveron tempo nin espazo para indicar que non pode prevalecer a discriminación por razón de lingua, copiando, aínda que fose, da Declaración universal dos dereitos humanos. Pola contra, non se esqueceron de deixar ben claro que o noso deber é coñecer o castelán. De aí tiran, como nos lembraba hai pouco o Ministerio de Igualdade, a conclusión de que tamén debemos usalo para garantir o seu suposto dereito a ignorarnos.

Permítennos aspirar á condescendencia, sen que sexa nunca hora do galego porque sempre hai urxencias máis clamorosas que atender. En todas elas hai que empregar unha lingua que nin o tempo, nin o espazo nin os recursos permiten que sexa a nosa. Tempo, espazo e recursos nunca se perden en español.

Tanto é así que o Ministerio de Facenda indica para a Base Nacional de Subvenciones, na que se deben publicar os contratos de Administracións Públicas como os concellos que a lingua de uso obrigado para maior transparencia financeira e a loita contra a fraude e a corrupción é o español. Isto explica os retrocesos do uso do galego nos concellos, mais non por que as grandes tramas de fraude e corrupción recentes no Estado teñen en español a documentación que as acredita.

Galegas e galegos pagamos ao Estado impostos, taxas, cotas e multas. Non podemos escoller se o facer. É obrigatorio, aínda que nin a Seguridade Social nin Facenda permitan o uso normal do galego. Desta obriga, Galiza perde millóns de euros ao ano na diferenza entre o que o Estado nos cobra e o que retorna. Como nos corresponde? Para comezar, a maior parte dos formularios, trámites ou atención telefónica coa Axencia Tributaria non se poden realizar en galego.

Nin un só destes millóns de euros serve para que TVE teña en galego a programación que calquera crianza de Albacete, Madrid ou Guadalajara pode ver e gozar na súa lingua a través da canle Clan TV que de 24 horas non ten ningunha ou un só minuto ou un só segundo para o galego na televisión estatal.

Nin un só euro para que servizos básicos como o SEPE ou mesmo a app de rastrexo da Covid-19 dean en galego os servizos aos que temos dereito e si dan en español. Cada formulario, cada liña telefónica, cada aplicativo móbel, cada letreiro, cada campaña informativa do goberno español ou galego, sen presenza do noso idioma, é un insulto a todas e todos os galegos.

Este é o estreito marco lingüístico onde está cerrada a Galiza autonómica sen que, após 40 anos, houbese tentativas sequera de enchelo para a restauración da lingua do país. O prefixo en cooficialidade indica quen ten todos os limites e todos os condicionantes.

Este é o conflito. Unha lingua omnipresente con todo un Estado ao seu favor, fronte a outra, a nosa, que ten que pedir permiso e misericordia para poder estar. A consideración que se lla dá a unha lingua é a que se lle dá ao pobo que a fala. Que lingua perde neste contexto?

Podemos ollar para outro lado e converter nun perigo a reparación do dano a través das outras variantes da nosa lingua e proscrebendo calquera sospeita de reintegracionismo. Podemos, tamén, fuxir para o sur a climas máis cálidos e amábeis, sen conflito lingüístico semellante, onde a nosa lingua ocupa a posición que aquí se lle nega. Mentres, aos autores das sentenzas contra o galego só os preocupa o uso da lingua.

Tamén podemos enfrontar a realidade e tomar conciencia para mudala. Galiza ten lingua de seu e non haberá benestar do país sen a súa completa normalidade. E facer que esa conciencia sexa práctica reparadora empregándoo, facelo cada día mellor e sen medo no día a día de cada un de nós, denunciando a exclusión, actuando tamén colectivamente na restauración e a rehabilitación total do noso idioma. Haberá galego mentres haxa quen o empregue e o defenda. Somos miles e debemos ser moitos máis. Con LL ou con LH. Respectémonos e apoiémonos tanto como o fan os que desprezan Galiza e o galego.

Comentarios