Opinión

Sons e sentimentos que amortecen

O noso rouco son esmorece. Cada vez se escoita menos, e parte da nosa cultura desaparece. A música, representada en gran medida pola gaita e o resto de instrumentos que compoñen unha banda, é o eixo principal, un dos piares da nosa cultura. As notas seguen a soar, con igual intensidade pero con menor volume e con máis descontento, quizais, ca antes

Cada ano celébranse campionatos de bandas de gaitas de toda Galiza, máis bandas de territorios coma Catalunya, Portugal ou Asturies. Estes campionatos, na Galiza, fomentaban a participación de xente de todas as idades, que se agrupaban en bandas a nivel municipal ou como mínimo, comarcal. Respirábase rivalidade, pero existindo compañeirismo entre as diferentes bandas participantes. Un clima que se respectaba e que era digno de admirar até hai pouco

Desde hai preto de cinco anos, o número de bandas participantes vén diminuíndo  de xeito repentino. Son moitos os motivos polos cales as agrupacións desaparecen: o feito de que certos Concellos non concedan axudas para o mantemento ou anovamento dos traxes e dos instrumentos, a  crise que atravesa o sector folclórico do noso país, etc. Parece estar de moda o de contratar nas festas a charangas, e non a bandas de gaitas.

Parece estar de moda o de contratar nas festas a charangas, e non a bandas de gaitas

Alén disto, cabe destacar o papel tan importante que xoga a directiva da Federación Galega de Bandas de Gaitas. Ou mellor dito, “o colegueo das tres bandas que quedan”. A directiva está encabezada por Hipólito Cabezas, director de múltiples bandas que dependían directamente da Deputación de Pontevedra, e que mentres estivo gobernada polo Partido Popular colocou como director o presidente da Federación, personaxe que non atende entrevistas e evita a comparecencia pública.

Son, ao fin e ao cabo, un grupo de amigos que se encargan de organizaren as dúas fases dos campionatos anuais, pero que mudan (como fixeron nas últimas ocasións) de data avisando tres semanas antes da data prevista e anunciada. Tamén tratan de levar a cabo unha asemblea para os integrantes das poucas bandas que quedan, onde non se presentan novas medidas para atraelas de novo. Non se crea unha comunicación directa a través da páxina web e tampouco hai moito interese por mudalo. A música é tradicional, pero os medios para facela atractiva deben de actualizarse.

Os azos de moitas bandas están a decaer por mor destas actitudes institucionais que non fan máis que destruír o noso

Mais non toda a culpa recae na directiva da Federación, senón que a Xunta de Galiza, presidida por Feijóo e seguindo a disciplina do Partido Popular, reduciu as axudas para a organización destes eventos. Aliás, a pouca porcentaxe dos orzamentos destinada a este eido de promoción cultural chega sempre tarde e as bandas fan un dobre esforzo para podérense presentar aos campionatos

Os azos de moitas bandas están a decaer por mor destas actitudes institucionais que non fan máis que destruír o noso, en proveito, coma sempre, do imperialismo español, impondo outros formatos musicais e contribuíndo á asunción de aspectos culturais alleos no canto de apoiaren os propios.

Coa desaparición e substitución da nosa cultura, desaparece tamén a nosa identidade. Non o permitamos. Como diría Castelao: “Somentes preservando as nosas enerxías autóctonas, a nosa capacidade creadora, é como poderemos contribuír á civilización universal, incorporando a ela as nosas creacións inéditas”.

Comentarios