Opinión

Traballar ao tolo

Hai xusto trinta anos, en 1991, Ichiro Oshima, de 24 anos e con formación universitaria, aforcouse no baño da súa casa. Levaba dezasete meses empregado na empresa xaponesa Dentsu, a quinta rede de axencias de publicidade máis grande do mundo. Ao longo dese tempo non colleu ningún día libre e botou moitas noites traballando na oficina, con xornadas que chegaban ás vinte horas diarias.

O Tribunal do Distrito ditaminou que o suicidio de Oshima fora provocado polo exceso de traballo en Dentsu. A empresa apelou a sentenza, mais o Alto Tribunal de Tokio confirmouna. Así a todo, este órgano xudicial argumentou que a vítima, e incluso os seus propios pais, deberían ter actuado antes do fatal desenlace. Os proxenitores decidiron entón presentar recurso no Tribunal Supremo de Xapón. Ao final, o Supremo ditaminou que este era un caso de karōshi e atribuíulle á empresa a responsabilidade de non ter reaccionado a tempo ante o deterioro da saúde de Oshima.

No Xapón teñen unha palabra concreta, karōshi, para referirse á morte por exceso de traballo. Úsase para definir a situación na que o corpo é incapaz de seguir o ritmo que se lle esixe e, literalmente, acaba rebentando. Nun principio aplicábase só no caso de doenzas cerebrais vasculares ou isquémicas do corazón, pero acabouse estendendo tamén ás lesións auto inflixidas, aínda que nestes casos descríbese co termo karōjisatsu, que vén sendo algo así coma un suicidio con orixe nun trastorno mental causado por traballar ao tolo. O Ministerio de Saúde, Traballo e Benestar xaponés estableceu o límite para que unha morte ou suicidio se considere karōshi ou karōjisatsu en 100 horas extra nun mes, ou 80 horas extraordinarias mensuais nun período de entre dous e seis meses.

Aquí é máis común falar do acoso psicolóxico no traballo, un delito contra a integridade moral que comporta penas de prisión ou grandes multas. O certo é que temos interiorizado que unha vulneración de dereitos tan grave coma o karōjisatsu constitúe un fenómeno social exclusivo da cultura oriental, negando a existencia de casos semellantes na Europa. Non deixa de ser curioso que nun país coma Galiza, cun alto índice de suicidios (en xeral) e unha elevada sinistralidade laboral, ningunha daquelas mortes sexa investigada por esta razón.

As vítimas de karōjisatsu adoitan padecer depresión, unha doenza que se agrava ante a falta de apoio social. A maneira de actuar do pai e a nai de Ichiro resultou pioneira pola tendencia da sociedade xaponesa á ocultación destes casos, e de aí o grande impacto do caso Oshima na sociedade nipoa. De feito, as reclamacións por este tipo de suicidios aumentaron de xeito drástico tras a decisión do Tribunal Supremo.

Matsuri Takahashi matouse anos despois. Ela, igual que Ichiro Oshima, tamén tiña estudos superiores e 24 anos de idade. O día de Nadal de 2015 saltou polo balcón da súa habitación tras oito meses na empresa Dentsu. No mes anterior á súa morte traballara máis de 100 horas extraordinarias.

Comentarios