Opinión

Papamoscas

Hai pouco lembreime do Grand Prix del verano, un concurso de TVE que presentaba o vasco Ramón García. Era un deses programas-para-toda-la-familia que pretendía reunirnos arredor daquela caixa parva que aínda non tornara en pantalla plana con conexión a internet.

No Grand Prix había unha proba na que Ramontxu facía preguntas sobre cuestións numéricas. Os dous equipos estaban capitaneados polos alcaldes ou alcaldesas das localidades participantes, acompañados por unha persoa famosa que os apadriñaba. O presentador axudáballes para que acertasen coa cifra concreta dicíndolles “máis” ou “menos”. Tratábase de contestar á présa, mentres agarraban coa man unha especie de bóla inchable que pasaban ao outro equipo tras responder de maneira correcta. O globo recibía aire continuamente a través dun tubo, e perdía o equipo ao que lle estoupaba.

Recordo ben que, ás veces, algún dos participantes prendía un pouco na súa quenda. Consumía así unha morea de tempo até que milagreiramente atinaba coa resposta. Nese intre entregáballe o trebello ao papamoscas do lado, quen vía como o globo lle rebentaba nos fociños sen tempo para reaccionar.

Alcoa San Cibrao quere pechar. Metéuselle entre corno e corno á multinacional e así llo fixo saber ao cadro de persoal da factoría e mais aos planteis das empresas auxiliares, que tamén viven do aluminio galego que produce a fábrica. Esa é a dura realidade, sen aditivos nin colorantes artificiais de ningún tipo.

O Partido Popular reaccionou botándolle a culpa a calquera outra forza que non sexa da súa propia corda, coma as súas propias escisións de Vox ou Ciudadanos. Os seus alcaldes na Mariña nunca fixeron outra cousa nestas catro últimas décadas ca buscar o voto até debaixo das pedras, pero parece ser que ese non é o problema. Supoño que acabarán por argumentar que non eran alcaldes do PP, senón de Alianza Popular. Algo así, doado de asimilar para a xente. Unha desas afirmacións que, sendo certa en parte, tampouco diga toda a verdade.

E o electorado? Ou non ten culpa quen reiteradamente vén botando na urna as papeletas co símbolo da rosa e da gaivota unha e outra vez? Están esas persoas exentas de culpabilidade? Son as vítimas ou, en troques, foron cooperadoras necesarias durante todo este tempo? Semella que o de lavar as mans calou moi fondo durante a pandemia do coronavirus e cadaquén, a título individual, acusa ao do lado. Pero autocrítica, ningunha.

O continuo cruce de reproches entre PSOE e PP tróuxome á mente aquela brincadeira que eu vía tan inxusta no Grand Prix. O globo puido estouparlle a calquera dos equipos, certo, mais a responsabilidade é de ambos porque os dous fixeron exactamente o mesmo polo futuro da Mariña: rien de rien. Nada de nada. Tal e como dicía o retrouso do coñecido tema «Non, je ne regrette rien», interpretado por Edith Piaf, e tal e como se manifestan populares e socialistas en público: sen arrepentirse de nada. Chove sobre mollado.

Comentarios