Opinión

Hipercolesterolemia

Teño o colesterol total en sangue un pouco por riba dos niveis considerados normais. A palabra, cando a ves escrita por primeira vez, chega a intimidar de longa que é: hipercolesterolemia. No meu caso semella ser hereditaria. Xa o di sempre miña sogra: «Hérdanse máis que os tarreos», e isto aplícao tanto ao diagnóstico dunha doenza como á maneira de ser de cadaquén. Sabedoría popular.

Unha cousa é a cultura e outra o expediente académico. Son conceptos distintos, aínda que se adoitan confundir. A madureza intelectual ou a conciencia crítica dunha persoa non se mide polos títulos universitarios que posúe, senón a través do que le. Unha tarefa paciente que choca de fronte con estes tempos de présa tola. Trátase dun exercicio de saúde mental que se reflicte na tranquilidade que outorga unha lectura repousada; unha menciña efectiva contra o estrés e o desasosego.

Así o recoñeceu a comunidade científica internacional tras a transcendencia dun estudo publicado pola prestixiosa revista Social Science Research (volume 77, xaneiro 2019, páx. 1-15). O traballo, dirixido por Joanna Sikora, D.R. Evans e Jonathan Kelley a respecto dos efectos de medrar con libros, analizou as habilidades alfabéticas, aritméticas e de comprensión da información de 160.000 persoas de trinta e unha sociedades diferentes entre os anos 2011 e 2015. Tamén estudaron as súas capacidades para comunicárense cos demais. A conclusión máis relevante que nos achegaron foi a de que unha persoa con só nove anos de escolarización en toda a súa vida, pero que cultiva o hábito da lectura, acumula o mesmo nivel de coñecemento ca outra con formación superior que vive de costas aos libros.

O importante seica é que a lectura estea asentada coma unha actividade cotiá, que a súa práctica sexa case diaria; un costume máis. Pero para que así aconteza, a ansia por cultivarse debería ser máis poderosa ca o abandono intelectual que tiraniza a nosa sociedade. Hoxe en día valórase máis a anódina aparencia que a esencial coherencia, aínda que no caso dos libros semella que nin a cantidade nin a calidade resultan factores determinantes. De feito, non é necesario contar con primeiras edicións de clásicos universais nin que a biblioteca familiar alcance os tres mil volumes. Ao contrario, o estudo indica que o cultivo cultural créase ao medrar en contacto continuo cos libros. Así, en xeral. Colléndoos, apalpándoos e léndoos. Téndoos ao noso carón, moi preto, como calquera outro obxecto; coma o ordenador, a tableta ou o móbil. O relevante é medrar nunha casa amante da lectura. 

Así a todo, predicar un hábito nunca foi suficiente. Vémolo con esas persoas que, co cigarro prendido da comisura da boca, adoitan recomendarlle á rapazada que non fume. Como ben sabemos, a mellor prédica sempre foi o exemplo. Debe ser por iso que, igual que coa herdanza da hipercolesterolemia, miña sogra tamén adoita sentenciar: «Ou nas maos ou nos pés, haste parecer a quen es». Bendita sabedoría.

Comentarios