luns 18/10/21

De Transilvania aos Penedos de Pasarela, pasando polo Suído

Gardo na caixa dos recordos dos meus tempos por Londres, alá a finais da década de 1980, unha imaxe dunha obra de Suzie Balazs, artista visual da que vexo agora nas redes sociais que desempeña o seu traballo como artista comunitaria no servizo de saúde público británico. A obra titúlase “Dúas mulleres de Transilvania no mercado”. As mulleres levan pano á cabeza e roupas moi coloristas. Recórdame a Carlos Maside, pero con máis textura.

Daquela lera varias cousas sobre un plan que estaba argallando Nicolau Ceausescu para Transilvania e, entre esas cousas, cheguei a esta imaxe.

Seguramente compreina porque tiña en mente facer unha colaboración para A Nosa Terra sobre este tema, colaboración que non cheguei a realizar.

O plan tiña como obxectivo aumentar as colleitas de produtos agrícolas. A única maneira que se lle ocorrera a Ceausescu era incrementar a superficie agraria e sacar terra cultivable de onde non había. Para iso pretendía eliminar todo o que non era “produtivo”, o que estorbaba, reducir ao máximo todo o espazo non agrario e cambiar radicalmente a paisaxe. Así, o plano levaba destruír todas as construcións, desde as vivendas que conformaban unha aldea, até as construcións auxiliares, as paredes e sebes, os camiños históricos, o parcelario tradicional. A poboación, a veciñanza, sería concentrada nun único edificio de varios andares e as aldeas quedarían reducidas a unha única torre ergueita no medio dunha inmensa plantación sen outros referentes que a liña do horizonte. Afortunadamente, o proxecto non foi adiante, algo que significaría non só a destrución dun patrimonio erguido ao longo dos tempos, senón tamén a desaparición dunha paisaxe histórica cargada de referencias a unha necesaria memoria colectiva. Cambiar a pel da paisaxe de xeito radical alterando ou eliminando todos os elementos que a conformaron historicamente (parcelario, viario, fauna e vexetación) é borrar ou modificar os marcadores operativos dun coñecemento local xerado ao longo do tempo sobre o propio medio. A memoria é un proceso en continua construción. Se crebamos ese proceso lóxico de construción estaremos a romper a conciencia de continuidade xeracional e os que veñan despois xa non serán continuadores dos que estamos agora.  Esa imaxe de Transilvania venme á mente ante a nova de instalar un parque eólico nos Penedos de Pasarela e Traba –lembrar que é “paisaxe protexida”-, mais tamén noutras xeografías, pondalianas e non pondalianas, como ao redor de Monte Branco, na serra do Xuído, Trevinca, Os Ancares, Berdoias, etc., etc.

Semella que temos exceso de paisaxe e o noso territorio é visto só como un inmenso campo para producir, onde o elemento importante é o vento (“o vento en Galiza é unha mina de ouro”, díxome un meteorólogo americano que traballou aquí a finais do século pasado para unha empresa enerxética). Todo está en función dunha consideración física do territorio, onde só prima a rendibilidade económica, rompendo os mecanismos de conexión entre o territorio e a sociedade actual, impedindo considerar o patrimonio como factor de desenvolvemento, esmagando a consideración social que entende o territorio como soporte e contedor de bens culturais e naturais que posibilite organizar formas de entendemento. A potencialidade económica ten que dialogar e respectar as outras potencias e os gobernos defender tamén eses outros valores, os sociais, que configuran paisaxes simbólicas e seguir construíndo novas lecturas sobre o territorio e novas categorías patrimoniais.

O que temos diante dos ollos, e sen ánimo de mover os marcos a ninguén, pertence á comunidade, é paisaxe cultural onde se desenvolveron actividades que conformaron os modos de vida dunha comunidade. Se no franquismo eran encoros os que asolagaban a memoria, agora son os parques eólicos os que alteran radicalmente a paisaxe, polo que non se pode falar dunha enerxía limpa, senón destrutiva e contaminante, como contaminante é a falta de respecto pola contorna que trae a prepotencia capitalista e nos illa dentro do territorio que habitamos. 

comentarios