Opinión

Tempo de festa

Semella que tras a pandemia hai ganas de volver xuntarse, de encontrarse, ganas de socializar. Isto implica ganas de festa, especialmente agora que chega o verán, un verán que vén despois dun longo tempo de restricións e medos. Mais a necesidade de festa non é algo conxuntural, é histórica. Sempre houbo ganas de festas porque estas eran precisas para a cohesión social. Hoxe pode identificarse festa con diversión, mais non todo festexo é fenómeno festivo, nin toda diversión é festa. A festa é máis que unha simple diversión. Cumpre unha función social.  

A festa é un non tempo extraordinario que rompe o tempo normal, un xeito de "paso ritual" a un novo período, algo así como unha parada para coller impulso e renovar os folgos para vivir. E Galiza é un país festeiro, o país das mil festas, e máis. Había festas porque había xente, xente vivindo en comunidade, polo que podemos dicir que a festa é síntoma de vitalidade social. Se hai festa é que hai un grupo social vivo e a festa é unha mostra desa viveza social. Vemos agora que hai lugares onde xa non hai festa porque están deshabitados ou envellecidos, non teñen vitalidade social. Lembro, hai xa uns anos, entrar nunha tenda de olaría en Buño a preguntar por unha festa. Ante a pregunta unha muller exclamou: "Hai filliño, Buño murriu", porque a festa xa non se facía.

Como todo feito social, polo seu carácter de fenómeno vivo, ten evolucionado ao longo do tempo e seguirá facéndoo. Foi así porque a sociedade tamén ten cambiado e, aquí, nos últimos decenios, moito. Así, hai festas que desapareceron e non só polo despoboamento, senón porque xa non cumpren a función simbólica que cumprían e outras que aparecen, como hai festas que teñen un claro obxectivo centrado no turismo e, así, se potencian rituais máis vistosos para atraer visitantes, xente que mira desde fóra, mais non participa. Son os riscos do monocultivo do turismo que levan á masificación e uniformización de formas de comportamentos festivos e de diversión, unha inmersión na lóxica de mercado e utilización de recursos locais, culturais ou identitarios como reclamo turístico.

Desde a antropoloxía fálase de tres compoñentes que fan referencia a tres dimensións básicas da experiencia humana: o transcorrer do tempo, a transformación do espazo e a presenza do mal nas nosas vidas. Aí están as festas do ciclo anual, as festas locais e as romarías. As festas do ciclo anual son un patrimonio universal, aínda que con lecturas locais. Nas locais dáse unha transformación do espazo pola festa, entendendo espazo como unha construción histórica, un territorio habitado, fomentando a sociabilidade e o sentimento de pertenza a unha comunidade. As romarías estarían especialmente en relación á renovación por medio da destrución ritual do mal. Entón, a festa sirve para construír e reforzar simbolicamente unha comunidade.

Mais esta xa é unha clasificación clásica á que agora teríamos que engadir as novas modalidades aparecidas nos últimos tempos, como festas relacionadas cun feito culinario ou patrimonial, así como os festivais de música ou as festas políticas, aínda que estas integren elementos comúns ás "de sempre". Polo tanto, a festa é unha acción colectiva de gran complexidade, como é unha linguaxe na que en clave simbólica expresamos mensaxes e significados para a vida en común. Un feito social total, como dixera un clásico da etnoloxía francesa.

Hoxe consideramos o verán como o tempo festivo por excelencia, mais o inverno tamén era tempo de festa, agora reducidas a magostos, Nadal e Antroido, pero moitas parroquias tiñan un patrón cuxa festividade caía no inverno, polo que se podía celebrar no verán unha outra festa que poderiamos considerar como dun "patrón efectivo". Como o calendario é unha construción social, hoxe concentramos no verán, tempo de lecer, as festas, e as que caían no medio da semana trasladámolas á fin de semana e as dos luns pasaron ao sábado. Esta concentración estival e de fin de semana non é exclusiva de Galicia e ten que ver co paso dunha sociedade agraria e abandono do rural a un xeito de vida marcado pola dimensión urbana.

A festa foi sempre un lugar atractivo para á etnografía e a antropoloxía. Foino para os nosos etnógrafos clásicos que vían nelas elementos de diferenza. Desde estas xanelas temos unha boa visión para mellor comprender a festa, mais aínda quedan cousas por explicar, como que nunha sociedade laica ou onde o feito relixioso xa non determina as nosas vidas, as festas locais, cun carácter relixioso, teñen un valor identitario máis forte que outros símbolos.

Comentarios