Opinión

A punta da Barca, unha paisaxe singular e agredida

No canto de preservar ese espazo e explicalo para entendelo e poder aprecialo mellor, óptase sempre por facer algo rechamante.

En diferentes ocasións, e por diversos medios, teño chamado a atención sobre un espazo singular: a punta muxiá da Barca, tamén chamada de Xaviña ou das Cruces, este nome último porque vían alí algúns que a natureza debuxaba os símbolos da Paixón, pero xa frei Martín Sarmiento dixera que era ignorancia imaxinar milagre algún. Agora volvo insistir sobre este espazo que merece máis coidado e respecto e menos agresións.

A atracción do lugar leva a diferentes entidades e cargos a querer deixar alí a súa pegada, que se traduce no imposible de emendar a natureza, "poñela máis bonita", mais nunca atendendo á especificidade e historia do lugar, un lugar cunha carga especial, como ensina a forza que a natureza mostra nese sitio, a forte actividade que esta ten alí e que levou a ser un espazo cultural asociado a prácticas simbólicas, mais tamén á vida cotiá das xentes de Muxía. Terá razón o poeta cando di que a xeografía pode ser desapiadada con quen desistiu de crer na historia.

Moita xente seguramente asociará Muxía co santuario da Barca e as pedras lendarias, mais as pequenas hortas que están ao seu carón foron vitais para a supervivencia desta poboación como lugar diferenciado. As minúsculas hortas, coas súas paredes ergueitas para protexer dos ventos do Atlántico e do salitre, son un produto da creatividade humana e falan da loita das xentes de Muxía por seguir adiante nunha natureza difícil, polo tanto, son feitos culturais. Se as paredes da illa de Aran, como dixo un xeógrafo, son unha das mellores e máis produtivas creacións irlandesas, algo semellante diríamos das pequenas hortas de Muxía.

Hai que partir do coñecemento, pois estamos ante un patrimonio excepcional, fráxil e relacionado coa memoria

Mais hoxe aquí, como noutros lugares, as prácticas da agricultura tradicional non son importantes na economía da produción alimentaria, e podíano ser si houbese políticas que as promovesen. Isto tamén axudaría a conservar mellor esta xeografía.
O poeta muxián Gonzalo López Abente dicía en "Horta portenosa": "¡Tal horta Diol-a bendiga! / Ninguén sabe canto vale. / ¿Cebolas di? ¡por Dios cale! / Outras com´elas non vexo, / Saqueill´ a fama a Merexo". Outro Abente, Victorino, nomeou varios dos elementos aquí presentes. Memoria asociada á historia vital das persoas.

No canto de preservar ese espazo e explicalo para entendelo e poder aprecialo mellor, óptase sempre por facer algo rechamante. Podemos comezar por falar da desfeita do vello camiño de acceso ao extremo desta punta: o camiño da Pel, que acabaron destruíndo para facer un "paseo" con lousas ben lisiñas. A isto seguiu o aparcadoiro ao pé do santuario, desfacendo as vellas paredes para que os coches e autobuses chegasen mesmo ao pé do santuario e saturar e invadir máis a súa contorna, posibilitando que os coches poidan tirar co cruceiro, como xa ten ocorrido. Isto acompañado da ampliación da estrada para chegar rápido e marchar axiña, e da colocación dunha varanda que compite cas vellas paredes por ben puída. 

Todas estas "melloras" teñen, por irrespectuosas, un efecto negativo, por non dicir destrutivo, sobre esta paisaxe cultural. Todo sempre nun acto de incomprensión da historia e desprezo á memoria das xentes que construíron ese espazo.
Logo veu o Prestige e unha compañía aseguradora pretendeu "colaborar" colocando un "monumento", dúas pedras dun granito traído do sur e que feriron máis aínda este espazo. Restaurouse a casa reitoral coa idea de crear alí un museo dos naufraxios, esquecendo o naufraxio orixinario, o da barca de pedra, mais a reitoral segue pechada cando debía ser un sitio onde explicar o significado do lugar á xente que o visita co obxectivo de introducir unha mensaxe de conservación, como alguén ten definido o concepto de interpretación do patrimonio.  

E a última, hai cousa dun mes, apareceu un día un muro de cemento que non se sabía moi ben que función tiña: que si era para poñer información ou para tornar do vendaval. A nova saltou nas redes sociais e o muro, afortunadamente, caeu, mais con polémica.

As intencións poden ser boas, pero hai que partir do coñecemento e do respecto, pois estamos ante un patrimonio excepcional, fráxil e relacionado coa memoria. Coidémolo. É unha mostra clara de que tanto o patrimonio tanxible como o intanxible compoñen o patrimonio cultural dunha comunidade, onde o tanxible deixa aquí ao descuberto o intanxible e este achégase máis próximo por medio do tanxible.

Comentarios