Opinión

Palilleiras: unha mirada desde a antropoloxía

O intelectual inglés Aubrey F. G. Bell, quen percorreu Galiza hai algo máis dun século, escribiu que en “todos os lugares desde Muros a Camariñas óese o son dos palillos, cando as mulleres e as rapazas, as palilleiras, se sentan para facer encaixes na escuridade das casas, ou fronte á porta”. Na casa onde nacín tamén se escoitaba o son dos palillos (nós dicimos “panillos”), porque unha tía avoa era “panilleira” (así tamén as nomea o poeta muxián Gonzalo López Abente). Desde que se levantaba até a noite escoitábase ese son, agás á hora do xantar e cea e en tempos cando os labores agrícolas reclamaban máis mans. É unha práctica silenciosa, se non fose polo tintinar dos panillos ,que demanda tempo, paciencia. O resultado dese traballo de moitas horas era un produto chamado encaixe, aínda que aquí era nomeado como “o labor” ou “a puntilla”. Na memoria quedaban xa as “xuntas”, cando as mulleres se xuntaban de nuite para panillar todas xuntas nunha casa ou dependencia. Eran xuntanzas onde falaban, escoitaban, miraban e eran miradas, eran lugares de encontro e sociabilidade, non ben vistos polas autoridades, mais tamén onde os panillos collía máis velocidade. 

Hoxe o son escoitase en lugares moi concretos, especialmente nas vilas de Muxía e Camariñas e algún outro lugar destes dous concellos e do de Vimianzo, sempre na contorna da ría de Camariñas. Mais o son dos palillos xa non se estende por todo este cornecho fisterrán, porque cada vez son menos os “áxiles dedos” que “tecen o encaixe primoroso con folerpas de branca neve”, acudindo outra vez aos versos do poeta. 

O traballo das panilleiras xerou ingresos a unhas mulleres que o elaboraban, pero máis a uns homes que controlaban as redes de comercialización, especialmente cara a Cuba, México e Arxentina. Dise que con diñeiro da venda de encaixe o muxián Romualdo Bentín (tío do fotógrafo Ramón Caamaño) sufragou as torres do santuario da Barca. Estes ingresos permitían ás panilleiras mozas non depender directamente da autoridade paterna. Así, en 1852 o concello de Muxía cualifica de “escandalosa conducta” que as mozas se emancipasen e foran vivir pola súa conta fóra da casa dos pais.

Esta presenza do encaixe chamou a atención, como xa vimos, de viaxeiros e poetas, tamén de xornalistas e outros estudosos que centraban o seu interese nas orixes, nas formas, mais non nas panilleiras como produtoras, en todo caso como estampa de tipismo rural e marxinal, mais nunca como propias traballadoras. Agora a tese dunha antropóloga, Guadalupe Jiménez-Esquinas, chama a atención sobre as mulleres, as artesáns da Costa da Morte, unha zona periferizada e marxinalizada. Non é tanto unha análise sobre os obxectos como sobre os procesos e afectos, sobre esta práctica incrustada nunha economía informal que pasou por un proceso de desvalorización para abaratar prezos, desprestixiando un traballo en mans de mulleres e favorecendo a comercialización que non trouxo máis ganancias.

Esta actividade dunha economía informal pasou por un proceso de patrimonialización, de conversión dunha práctica ordinaria en algo valioso, onde a voz destas mulleres non tivo o eco preciso. A autora fala de “tensión” entre a lóxica cultural, que entende o panillar como unha actividade de lecer e relax ou como de promoción turística, e a económica laboral que busca unha remuneración que sosteña un sistema de vida. As panilleiras non o fan por pracer, senón como un xeito de ter ingresos, como forma de intercambio por diñeiro de forma inmediata e, para iso, pasan moitas horas sentadas. O encaixe tería que ter dado o paso dunha actividade informal a outra profesional, algo que se fixo no sector marisqueiro que pasou dunha actividade feminizada e marxinal a unha profesión regulada onde as panilleiras teñan unhas mínimas condicións socioeconómicas. 

A autora entra nas nas causas deste fracaso, como mantén que en todo proceso de patrimonialización non só hai que pensar nos posibles beneficios, sexan económicos, culturais, de prestixio ou identitarios, senón que implica unhas obrigas e esforzos dedicados á preservación e mantemento, é dicir, os coidados. 

O libro é unha mostra de que precisamos antropólogas e antropólogos para achegar máis coñecemento sobre a sociedade na que vivimos e mostrarnos os seus desaxustes no camiño de ter ferramentas para solucionalos. Un xeito de facer visible e útil o traballo antropolóxico.

Comentarios