Opinión

Libros para andar o país

Cun país “perimetrado” hai ganas de saír fóra e andalo. Andar para coñecelo, e do coñecemento vén o respecto e o aprecio. Foi Vicente Risco quen dixera que “a terra d´un débese andar d´a pé”; e Otero Pedrayo que os camiños están acugulados de tempo pasado. Andar para coñecer a historia que nos trouxo até onde estamos agora, para ver como fomos capaces de construír unha paisaxe cultural, unha imaxe de nós, de como somos e como nos vemos. 

A andar invítannos algunhas publicacións que apareceron neste ano que anuncia xa o seu devalo, publicacións que van máis alá das indicacións para non saír do camiño, que abundan no detalle para ter unha imaxe máis completa do territorio e situármonos nel. Publicacións que animan a percorrer o país e a ter máis elementos para ler a paisaxe construída. Falamos de Zas polo miúdo e d´O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, como podíamos falar doutro saído o ano pasado, O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira.

Son libros que nos convidan a andar para coñecer o país desde o chan, desde o detalle e desde o patrimonio que garda a memoria, porque vivimos nun país que foi habitado historicamente e intensamente en cada recuncho, nomeado. Todo está cargado de historia e de historias, historias das xentes que o traballaron para seguir adiante na vida e construír unha cultura para estar no mundo e un patrimonio que, a día de hoxe, precisa doutras lecturas e doutras interpretacións e actualizacións. Mais, para chegar a este punto hai antes que estudalo para coñecelo e facelo visible. Isto é o que fan estes libros que afondan no coñecemento local e no detalle miúdo para mostrarnos un patrimonio relacionado co cotián da xente, co traballo diario, para entender que o patrimonio non é un obxecto, senón un proceso social que pasa tamén pola selección.

Andar para entender que o patrimonio é algo máis que un recurso do mercado

Seguir un curso de auga para coñecer un territorio e a súa historia non é unha novidade, o Danubio con Claudio Magris ou o Miño con Anselmo López Carreira son dous exemplos, mais non abundan. O libro sobre o río Anllóns lévanos desde as alturas da serra de Montemaior, nos límites entre as Terras de Bergantiños e as de Ordes até as augas da ría de Corme e Laxe ao pé do monte Branco. O Anllóns, parafraseando a Otero Pedrayo, nace nas terras montesías onde sitúa o primeiro tempo dos tres que, para o noso xeógrafo, configuran as Terras de Bergantiños. Mais aquí aparece xa a primeira sorpresa: os autores confesan a dificultade que tiveron para atopar as fontes orixinarias desta arteria bergantiñá e non polas discrepancias que había entre os xeógrafos en situalas, discrepancias que viñan quizais por non andar o territorio, por non ir ao sitio a buscar o dato, senón polos eucaliptos que invadiron as brañas da Chousa de Abaixo ou Brañas do Feo, terreos onde abrollan as fontes e mananciais que orixinan este río. Os autores confesan que patearon a zona no ano 2000 cando fixeron un caderno da serie Andando por Bergantiños. Dezaoito anos despois tiveron que recorrer a un veciño para volver topar coas fontes deste río. A plantación masiva de eucaliptos transformou radicalmente esa paisaxe brañenta ao igual que outras. Aquí e aló van desaparecendo brañas e gándaras baixo os eucaliptos e estes chegan ás propias marxes dos ríos e regatos. O Bardo xa non encontraría gándaras esquivas ás que cantar.

Zas é un concello de dezaseis parroquias, a cabalo entre dúas Terras milenarias: Soneira e Xallas. Agora, e da man deste libro, podemos percorrer polo miúdo a súa xeografía, ver os cambios na demografía, coñecer a toponimia, historia, patrimonio senlleiro e aquel ligado ao cotián, saber das súas festas e romarías, asociacionismo, do importante pasado romano de Brandomil, así como outros detalles, como coñecer un dos primeiros puntos de referencia que tomou Domingos Fontán para o seu mapa, historias da emigración ou percorrer unha xeografía de nomes pondalianos: a do forte Brandoñas e o valente Brandomil, este enterrado baixo as antas da arca da Piosa, mais o vento xa non “funga nas esquivas uces”. 

Andar para entender que o patrimonio é algo máis que un recurso que circula no mercado só para consumir como outras cousas, cando é un proceso cultural asociado a significados, memorias e políticas. A eucaliptización, as “virotas”, o abandono e crise demográfica levan a un territorio histórico a ser un territorio sen semántica, un “territorio lixo”  (junkspace) na periferia do desenvolvemento capitalista. En antropoloxía fálase agora da mediación en referencia ao patrimonio. Tamén precisariamos mediación na xestión do territorio e non deixalo nas mans dos monopolios que o levan á desertización. 

Comentarios