Opinión

Fisterra: a atracción dun nome mítico

Hai paisaxes que pola súa configuración teñen un atractivo especial chegando a ser considerados como especiais e cargados de simbolismo e misticismo. Un destes é o promontorio fisterrán. O naturalista xermano Alexander von Humboldt xa o citara como un dos maiores monumentos que a natureza erixiu para orientación dos navegantes, á par do Teide ou do Pão de Açucar. Esta situación de punto de recalada en referencia ao Océano é importante e valeu tamén para configurar toda un mundo simbólico. 

Fisterra é unha xeografía privilexiada, unha xeografía que impresiona, e os lugares privilexiados atraen á vez a peregrinos e turistas porque, como di o antropólogo francés Marc Augé, pensan reanimar alí a súa fe, a súa visión do mundo, a súa historia de existir. Fisterra é un deses lugares.

Foron moitos os que se sentiron atraídos por esta xeografía e moitos nos últimos tempos, especialmente desde que se revitalizou o Camiño de Santiago a finais do século pasado, pois como deixou escrito no  Libro do Peregrino, onde deitan os seus comentarios os peregrinos cando chegan ao albergue de Fisterra, un que asinou como Marcelo (o italiano do Brasil), “[ao chegar aquí] di por encerrado o caminho. Aquí mesmo começo outro, que ainda não sei onde me levará”. Marcelo só estaba seguindo a tradición doutros peregrinos dos que temos noticia de que chegaban aquí desde o século XIV, como o maxiar George Grisaphan ou o personaxe literario e cabaleiresco Guerrino Meschino. Ambos rematan a súa peregrinación noutra fisterra simbólica, na irlandesa Lough Derg.

Esta asociación entre un espazo xeográfico e unha cosmovisión é unha construción cultural que se desenvolve desde os tempos medievais collendo referencias xeográficas da antigüidade, unhas referencias máis móbiles e míticas que concretas, mais serviron para erguer toda unha paisaxe simbólica, todo un imaxinario que forma parte da nosa cultura e nos relaciona con outras. 

Esta idea do fin ou confíns da terra está encerrada no propio topónimo de xeito transparente. O nome indica a excepcionalidade do lugar. Este topónimo ten unha orixe na baixa idade Media e non nos tempos dos romanos. Isto non impide que con este topónimo se poidan apropiar de todas as narracións clásicas sobre o fin do mundo. O nome “Fisterra” convértese así nun importante capital cultural, nunha imaxe de nós. Até a baixa idade Media Fisterra era nomeada polo nome que aínda perdura na actual parroquia, Santa María das Areas, e antes de normalizar “Fisterra”, tamén despois, houbo outras variantes sobre este nome. 

Ao carón da idea de fin da terra van asociados outros conceptos, como o de lugar afastado e, como todo lugar límite, difícil para vivir, por inhóspito; tamén o de lugar solitario. Conceptos con carga exótica elaborados desde fóra.

Agora o poeta Alexandre Nerium recolle nun libro múltiples referencias literarias sobre esta xeografía, especialmente as procedentes do mundo da poesía. Ara do mar é un traballo meticuloso de recollida, ao tempo que de amor ao lugar das súas experiencias vivenciais; tamén un xeito de divulgar este nome, de potenciar esta atracción. Dito isto chama a atención o nulo apoio institucional a este proxecto de visibilizar unha imaxe moi recoñecible, así como que teña que ser unha editora de fóra a que edite o libro..

Unhas trescentas referencias literarias e non literarias, desde os nosos clásicos, Sarmiento, Otero, Castelao, Cabanillas, Manuel María, aos autores de hoxe; desde os locais e comarcais até o irlandeses Seamus Heaney ou Thomas Kinsella, pasando pola escocesa Carol Ann Duffy ou os británicos Geoffrey Chaucer ou Sylvia Plath; desde os cataláns e vascos –aquí está a última premio nacional de poesía- a autores franceses, italianos como Eugenio Montale, americanos como Mario Benedetti e un longo etcétera, sen esquecer a quen escolleu o topónimo como apelido. Toda unha nómina de autores que nomean Fisterra e ao nomear están axudando a crear unha identidade.

Semella que seguir crendo nunha idea dun lugar como fin do mundo é precisa nos tempos globais, como necesaria para manter unha marca turística.

Comentarios