Opinión

Felicidade social e Nós

Podemos dicir que a busca da felicidade é unha constante en toda sociedade. A felicidade trae alegría e “a alegria é a coisa mais séria da vida”, escribiu o artista e escritor portugués Almada Negreiros.

A felicidade é tema de actualidade, tamén o seu contrario, como é asunto para as ciencias sociais, ou está nos debates, na publicidade e na política internacional e local. Aquí, entre nós, por exemplo, o concello de Oia ten unha Concellaría da Felicidade, como ten outra de Alumeado Público. As iluminarias, non as “luces”, semellan ser clave! E houbo, como David Cameron ou Nicolas Sarkozy, que argumentaron sobre o concepto de Felicidade Nacional Bruta (FNB), mais acabaron introducindo recortes e decisións que non axudaron á cidadanía dos seus países a seren máis felices.

O coñecemento, a cultura, implica unha mirada propia cara á realidade inmediata

Desde o ano 2012 publícase un informe sobre a felicidade mundial. Nel ofrecésenos unha relación de países, estando na parte alta os máis felices e, na baixa, aqueles nos que a felicidade é todo un luxo, un imposible. A listaxe faise seguindo uns criterios “obxectivos”. E aquí temos que preguntarnos que se mide e como definimos os criterios de obxectividade? Outra volta ao universalismo da Ilustración! Tamén cabe preguntar se estes criterios valen por igual para Dinamarca ou Finlandia, países que ocupan os primeiros postos, como para a República Centroafricana ou Sudán do Sur, que andan perdidos pola parte baixa da táboa e as súas ansias vitais e satisfaccións son moi outras e están moi lonxe das da cidadanía dos países bálticos. A felicidade é entón un indicador de progreso político e social. Israel tamén é un estado feliz, en parte por mor da infelicidade que lle causa aos seus veciños.

Como xa queda dito, na parte alta da lista están os países escandinavos, na baixa os centroafricanos. Isto lévanos a unha primeira lectura: alí onde os lazos de solidariedade e o sentido común son máis fortes semella que a xente é máis feliz; alí onde foron destruídos, non, mais non se pregunta polas causas ou culpables desta destrución. Entón, parece que a felicidade ten que ver coa realidade social e co control dos recursos. A felicidade, como a memoria ou a satisfacción, non é só algo individual, senón social, pois aprendemos e tomamos todo dunhas reservas comúns, construídas, sostidas e transmitidas pola comunidade á que pertencemos.

A felicidade responde tamén a comportamentos culturais pautados, a contextos sociais.

Podemos dicir aquí que vimos de pechar un ano dedicado ao traballo calado de Antonio Fraguas

Esta actualidade vale para dicir que a felicidade non é un concepto neutro, ten carga ideolóxica. E, para o contrario de felicidade, podemos dicir aquí que vimos de pechar un ano dedicado ao traballo calado de Antonio Fraguas. Na súa obra etnográfica hai constantes referencias á tristeza (infelicidade) imposta pola Guerra Civil e a ditadura franquista que, na súa análise, contribuíron á desaparición de formas do que entendía como festa popular, como o serán ou a ruada e, entón, “todo se cubreu de tristeza”, xa non se cantaba colectivamente, non había ánimos para facelo.

Para sermos cidadáns nunha sociedade feliz hai que coñecerse e estar atentos ao presente, tratar de compartir e sermos útiles para os demais. Isto fixeron os de Nós.

O coñecemento, a cultura, implica unha mirada propia cara á realidade inmediata. Ese ollar propio constrúese tamén a partir de compartir experiencias e reflexións. Esta mirada e reflexión sobre nós, aínda que iniciada antes, callou hai cen anos coa xente de Nós, facendo así visible “a ansia qu´oxe sinte Galizia de vivir de novo”, ansia que era evidencia luminosa do mañá “pra ledicia de todos e pra enseño de moitos”. Coa curiosidade e interese da xente de Nós por nós, como colectivo, pola nosa cultura e polas culturas contemporáneas, xeneralízase un consumo de imaxes propias, non só aparecemos nelas para consumo de indiferentes, senón para sermos actores e guionizar o noso propio papel. Imaxes que viñan dunha tradición, e tradición non é tradicionalismo, senón exercicio de identidade e forma de emerxencia do local (Appadurai), que non do localismo.

Ao contrario do consumismo, onde a felicidade é algo individual baixo o criterio de que somos felices, ou non, por culpa dos nosos éxitos ou fracasos, é dicir, solucións individuais a problemas comúns, mentres co ideario de Nós teimamos no colectivo contra a obriga de sermos felices só consumindo.

Comentarios