Opinión

Entroido nunha sociedade perimetrada

A mediados da década de 1980 creáramos unha asociación de veciños na parroquia. Daquela eran moitas as casas que estaban abertas e que acendían o lume pola mañá. Un día un par de veciños, máis maiores, dixéronnos: "e por que non facedes algo polo Entruido?". Por entón o Entroido, nós dicimos Entruido, era só unha festa das chamadas por algúns estudosos "de pote", que se traducía nunha xuntanza familiar ao redor dunha mesa, onde se servía cocido acompañado de filloas feitas na pedra e, de sobremesa, orellas. As outras facetas xa desapareceran ou eran socialmente irrelevantes. De neno aínda nos vestiamos de entruidos, con roupas vellas e coas caras tisnadas ou cunha careta feita de cartón, e íamos polas casas a ver se os veciños eran capaces de identificarnos e darnos algo. Só na memoria dos máis vellos quedaban as lembranzas dunha festa distinta. 

Eses veciños empezaron a falar como era o Entroido cando eles o facían. Así que decidimos "facer algo en Morpeguite", nome pondaliano e lugar de referencia na conversa sobre esta festa do ciclo anual. Preparamos unhas cousas, algunhas nada tiñan que ver co que nos contaran como era "antes", mais queriamos que a xente acudise. E a xente acudiu. E comezamos a desenvolver o noso programa, mais pouco durou, pois dúas persoas, Francisco do Arrieiro, entón de oitenta anos, e Pepe da Fonte, que estaba nos sesenta, desmontáronos todo o que traíamos preparado. Persoalmente, e nun primeiro momento, non comprendín o que facían e por que desfacían o que nós tiñamos preparado para, entendiamos, reivindicar e revitalizar esta festa. Mais pronto me decatei de que eran eles, e non nós, os que estaban a celebrar realmente o Entroido. 

O Entroido é/era iso, unha paréntese no tempo para facer o que non estaba ben visto e non se podía facer durante o tempo normal, rebeldía, irreverencia e transgresión, e nós estabamos facendo un espectáculo para uns espectadores que non participaban, cando o Entroido non é iso. Eles non entendían esta festa como un espectáculo, polo que non querían ser simples espectadores.

A espectacularización e institucionalización son cambios experimentados nos rituais festivos nas últimas décadas, tamén no Entroido. Uns vans só mirar, outros actúan para seren mirados. Isto leva a suavizar aspectos formais da festa e "respectar" ao público, non vaia ser que non volvan para o ano. Así, en Salcedo, o oso xa non entra nas casas ou sábese a hora de saída e, como moito, podes saír algo tisnado, algo máis si es coñecido. Moitos acoden para levar nas cámaras a foto icónica e dicir que estivo alí, por iso o oso está sempre rodeado de fotógrafos. No Moredo a xente sitúase nas beiras do campo como se fora ver un partido de fútbol no que os xogadores son os volantes, maragatos e mecos.

Mais nestes tempos os Entroidos sofren as restricións. Antes da decisión de perimetrar todos os concellos do país, xa chegaran novas de que o Entroido Ribeirao e outros non se ía celebrar, "mais o pucho do Entroido Ribeirao faise", dicían nas súas redes sociais. Outros, como en Pantón, convocaron un concurso de compadres. E non sei si en Distriz e noutros lugares da Terra de Lemos van sacar os monecos, comadres e compadres, que representan dun xeito burlesco algún evento social. Temas este ano hainos.

O Entroido foi prohibido pola ditadura franquista, mais en moitos lugares seguiuse facendo, era unha obriga social, de que seguiamos sendo nós. Un destes lugares era Santiago da Riba. Para avisar de se viña a garda civil, un veciño tiña que subir a un penedo no monte desde onde se divisaba o camiño de Chantada. Mais non chegaba con isto, había que ir falar tamén co párroco, pois se negaba a que se celebrase a festa. Entón ameazábano con non lle traballar a súa ribeira e como non tiña quen lla traballara cedía.

Hoxe o Entroido terá que redefinirse para seguir existindo e seguir sendo un tempo de crítica e liberdade, tamén de memoria social. O progreso non pode ser regresivo. Quizais sexa unha oportunidade para ir desbotando a institucionalización e o vistoso para recobrar a espontaneidade e a crítica social. O Entroido non é "pintar a mona", como se pide nun concurso local.

Comentarios