Opinión

Dúas historias sobre un ben cultural ou sobre os usos do pasado no presente

Cando a comezos da década de 1990 empezou o éxito dos camiños de Santiago non me sentín moi atraído, iso que estaba interesado no tema da peregrinación como fenómeno social. O meu ánimo estaba máis no estudo do camiñar aos santuarios locais, aqueles que marcan ou marcaban o territorio da convivencia e relacións a un nivel máis próximo. E o meu interese seguía sendo relativo cando a mediados desa década comezaron as marchas para reivindicar o camiño a Fisterra e Muxía. Mais cambiou cando algún alcalde empezou a reivindicar que o Camiño pasaba polo seu concello e non polo do veciño e, ao día seguinte, ver na prensa denuncias sobre a desfeita nun camiño histórico levada a cabo por ese mesmo xestor municipal que, un día antes, reivindicaba o paso do Camiño.

Foi entón cando empecei a andar eses camiños, chamados xacobeos, pero que son camiños históricos ligados á memoria das xentes que os andaron e andan por motivos de traballo, de ir a unha romaría, de mocear e agora tamén de lecer. Desde aquela fun de Santiago de Compostela a Fisterra e Muxía varias veces, como andei outros camiños e, como no poema de Cavafis, sempre sen présa, porque o importante non era chegar á meta, senón andar os camiños e mergullarse no coñecemento local, nas memorias dos seus construtores, na memoria que nos sustenta como sociedade.

Neses andares o meu interese estaba en coñecer o territorio que eses camiños cruzaban, en falar coas xentes que os tiñan andado e seguen andando. Algunhas veces teño ido cara a un lado e volver para atrás a comprobar un dato que algún veciño me dera. Así pasou hai uns anos cando ía polas terras de Negreira. Na Piaxe falando cun home, emigrante retornado, -retornan os emigrantes e marchan os amigos, di o poeta en Éxodo-, faloume de dúas cruces que asociaba a feitos tráxicos da guerrilla antifranquista. Dei volta para atrás e no seguinte lugar, outro veciño, que superaba xa ben os 80 anos, contoume outra historia moi distinta sobre unha desas cruces.

O primeiro asociábaas cos feitos acaecidos no lugar de Zas no ano 1949, cando a garda civil asalta unha casa onde estaba agochado un grupo de guerrilleiros. No asalto morre unha muller e, na conseguinte persecución catro guerrilleiros, que serán enterrados nunha foxa no cemiterio de Paramos (Val do Dubra) e exhumados en 2016. Cóntase que unha das falecidas era a compañeira de Xosé María Castelo, o que comandaba ese destacamento guerrilleiro. Esta muller, ferida no asalto, morre no camiño cando fuxían. Para o noso informante unha das cruces ten que ver coa morte desta muller, mentres a outra co seu compañeiro.

O relato do segundo veciño fala dun home que indo a buscar unha besta ao monte colleuno unha treboada, polo que se refuxiou baixo unha árbore e matouno un raio. Isto foi en 1901 e esa data está na cruz e a morte rexistrada no libro de defuncións da parroquia de San Martiño de Broño.

Na sociedade rural a memoria é un fenómeno comunal e xeracional, algo que se dá nun espazo concreto, nunhas coordenadas temporais e cunha relación coa vida cotiá. Mais a emigración e o abandono alteran esta estrutura de transmisión, borrando as pegadas da memoria ou, no mellor dos casos, tecendo novas tramas, confirmando que o patrimonio é un recurso renovable, algo que se constrúe no presente. No noso caso, a morte dun labrego no monte queda moi lonxe para as xeracións máis novas que non foron socializadas nese relato, porque os eucaliptos non deixan espazo para as bestas no monte, nin este é xa un lugar para a sociabilidade. Hai unha diminución do condicionamento do espazo na vida social. Así, a morte duns guerrilleiros tamén nunha corredoira na mesma zona, pode ser un relato con máis significado na actualidade.

Recordamos grazas aos elementos que configura unha cosmovisión, polo que si se desmontan os elementos que configuran ese sistema non hai patrimonio nin memoria, social ou local.

A memoria precisa elementos nos que se sustentar e así se constrúen novos relatos que desprazan outros que van perdendo forza, novos relatos desde o presente con vistas ao futuro. O pasado non é unha referencia fixa, mais ben subxectiva que permite diferentes lecturas segundo os contextos.

Comentarios