Opinión

Diego Xelmírez e o Pío Latrocinio: para superar vellas inimizades

A  comezos do verán último Miguel Vázquez Freire publicaba o libro De Compostela a Braga e de Braga a Compostela. O Pío Latrocinio e outras vellas inimizades. Agora, coa chegada das ansiadas chuvias, vén de sacar outro, O moucho voa, libro para achegar a mocidade á filosofía.  No primeiro citado achéganos ao "raid" que o bispo Diego Xelmírez fixo á cidade de Braga en decembro de 1102. O que para os da banda de aló foi un roubo descarado, desde esta banda explicouse ou entendeuse como un roubo xustificado, polo tanto piadoso, un pío latrocinio.

A intención do autor non queda en facer un achegamento aos feitos, senón que a súa pretensión pasa por que se coñeza a historia mellor. Parte da premisa de que estes feitos tiveron importancia na historia de Compostela e na de Galiza, mais non xeraron un relato popular, non forman parte do noso lendario. E as lendas son boas para explicar feitos que escapan á normal comprensión das xentes, que poden recoller acontecementos que saen do cotiá ou valen para recordar na memoria colectiva personaxes que deixaron algunha pegada a nivel local. Podemos entender eses feitos como excepcionais e a Xelmírez como un personaxe clave na historia de Compostela e do país. Mais esta acción non está na nosa memoria colectiva. O relato popular duns feitos históricos non ten por que ter unha obxectividade científica, pero si unha coherencia estética e emocional que sirva para apoiar unha solidariedade social e de autoidentidade. Este non é aquí o caso, e non é o caso de manter vivas as lendas, senón manterse vivo tamén grazas as lendas.

Xelmírez viaxa cara ao sur co obxectivo de visitar as posesións que a mitra compostelá tiña nas terras alén do Miño. Vai  ser recibido por Xiraldo, arcebispo de Braga, cunha cálida acollida, que até lle deixa a súa cama, algo que suxire certa relación previa entre ambos personaxes. Mais Xelmírez "descubre" que os corpos dos santos que alí se custodiaban estaban desprovistos dos honores que a súa condición requiría. Con isto constrúe un relato para xustificar verse na obriga de restituír eses honores, darlle unha maior dignidade. Esa maior dignidade teríana se estivesen en Compostela. E as reliquias chegan a Compostela, non sen antes acalmar as augas do Miño que nese inverno seica baixaban caudalosas e axitadas. E as xentes de Compostela saen a recibilas porque, entendían, a cidade estaría máis protexida ao ter máis corpos santos nela.

O roubo, unha cuestión de poder e prestixio, tiña como obxectivo debilitar o poder de atracción peregrina de Braga e mostrar que Compostela era o único foco de peregrinación seguro no mundo occidental. As reliquias servirían para aumentar o poder de Compostela na loita con Braga por se converter na sé metropolitana. As reliquias outorgaban lexitimidade e prestixio a Compostela.

Hoxe estes feitos poden non ser de interese para a cidadanía. O culto ás reliquias non ten agora a importancia que tivo na idade Media e, aquí entre nós, incluso nos séculos XVIII e XIX, senón vexamos a aparición neses dous séculos de santuarios de gran tradición aínda na actualidade, como Santa Minia ou San Campio, tanto en Outes como en Tomiño, cuxo culto xira ao redor dunha reliquia traída de Roma neses momentos, reliquias que lle dan prestixio e poder de atracción, que os destaca no mapa romeiro sobre outros.

As reliquias roubadas foron devoltas en dúas quendas: nos tempos de Quiroga Palacios e na década de 1990 con Rouco Varela. Mais o autor, co relato destes feitos, argumenta para superar ese pasado hostil e procurar unha contemporánea irmandade entre dúas cidades non moi distantes, tanto no xeográfico como nos elementos que definen as súas identidades, mesmo teñen en común perigos presentes como a turistificación dos seus cascos históricos. Darlle a volta a un delito histórico para aumentar as relacións entre dúas comunidades que, xuntas, teñen máis que gañar que perder. O pasado existe para mirar ao futuro. Deberiamos lelo nesa perspectiva. Así poderemos compartir ansias e angueiras comúns para ter un futuro máis confortable e solidario, facilitando posturas de entendemento en positivo.

Comentarios