Opinión

Defensa das sementeiras

O ano pasado, e con motivo de dedicar o Día das Letras a don Antonio Fraguas, escribín varios textos para diferentes publicacións sobre este autor e a súa obra. Tiña claro que quería salientar o valor do traballo silandeiro de don Antonio e dos seus compañeiros do Seminario de Estudos Galgos (SEG), como Xaquín Lorenzo, destacando a importancia da angueira desta xente e grazas ao que hoxe temos institucións que nos representan como sociedade e relatos nos que identificármonos. Asemade, quería falar da importancia do traballo da etnografía á hora de construír un imaxinario compartido. Destacar que a etnografía, que describe o que observa no presente e fai do antropólogo un cronista dunha historia local en movemento, non só describe, senón que achega coñecemento. A descrición é presentar unha realidade. A descrición dos etnógrafos de Nós foi un traballo importante para facer presente unha realidade social viva.

Entón, o coñecemento etnográfico ten unha utilidade social, polo que a etnografía ten que valer para reanimar a sociedade, por exemplo, no proceso de frear a desvitalización do mundo rural e non rural, como á hora de enfrontármonos a unha pandemia e ás súas consecuencias sociais. A etnografía recolle datos para pensar sobre a sociedade na que vivimos, polo que diremos que a descrición etnográfica faise para procurar prosperidade social.

Así, o artigo de Manuel Estévez, “Un berro contra o abandono do campo” (Nós diario, 8 de maio), levoume a pensar en algo que escribira daquela a partir dunhas notas manuscritas do Arquivo Fraguas, arquivo e biblioteca que garda o Museo do Pobo Galego, herdeiro do vello SEG. As notas levan por título “Defensa das sementeiras”, encabezamento apropiado para esta miña colaboración, pois non só é vital controlar o acceso aos produtos básicos de alimentación, senón tamén volver os ollos ao mundo que temos na nosa proximidade.

Esta pandemia mostrou varias carencias, como demostrou a importancia da seguridade alimentaria: ter comida dispoñible, accesibilidade, alimentos seguros. Esa seguridade comeza por volver a cultivar a terra, a inmediata. Entón, non só estaremos facendo fronte á lóxica consumista e especulativa ao achegar produtos de proximidade, senón que tamén estaremos contribuíndo a romper o proceso de desagrarización e abandono, sexa por simple abandono ou por invasión de eucaliptos. Non pode ser que mentres na Ribeira Sacra, por exemplo, as cereixas podrecen no chan, as tendas estean vendéndoas do Val do Xerte ou de Chile, e os “conchos” non se apañan porque “hai que limpar. Ermou todo”, como me dixo un dos poucos habitantes de Espiñas (Chandrexa, Parada de Sil). E non se limpa porque non queda xente que arroe. Mentres, as tendas venden noces de California. Búscase unha saída polo turismo, pero desprezando os produtos locais e todo un sistema que deu lugar a esa paisaxe que agora se vende como moi atractiva para o visitante, pero na que os locais son simples espectadores ou man de obra barata.  

A desagrarización non só é abandono, é desestabilización, desposición dos saberes tradicionais acumulados froito dunha relación histórica e perda de referentes nos que ancorar a memoria. Por iso Manuel Estévez di que “onde se instala un espantallo hai vida”. Hai vida porque alguén ten sementado para logo recoller e comer. Como dicía Fraguas, despois da sementeira “os grans espertan axiña a cobiza dos paxaros: millo, centeo, trigo, coles... a todos lle fan as visitas os paxaros [...] todos buscan nas terras sementadas, os grans pra alimentarse”. Entón se coloca un espantallo para amigablemente dicirlles que vaian a outro lado. E os espantallos teñen tamén agora un papel reivindicativo: colócanse para dicir que se existe, que aquí estamos, que hai futuro no rural. Hainos en Lumeares ou no Covelo, na Lama, en Mos ou en Sela.  

Facer un inventario dos espantallos é percorrer unha terra que resiste a perder a vitalidade e as formas de memoria histórica, polo que describir estas prácticas é un xeito de historia social. Tamén é potenciar a mirada próxima, que non é ser miopes, senón non ceder ante as facilidades da xeneralización. O traballo etnográfico vai contra os desprezos dos coñecementos locais e contra as ideas presentadas como universais e únicas lexítimas.

Comentarios